Emprendedores galegos dan a coñecer as súas experiencias de éxito botando man do crowdfunding

venres, 3 de outubro do 2014 Redacción

Este xoves celebrouse no Pazo de Mariñán, da man da Factoría de Innovación da Coruña, unha actividade divulgativa sobre métodos innovadores de financiamento, alternativos, colectivos e cooperativos. Falamos da xornada Crowdfunding ou a arte de innovar cooperando, unha sesión que serviu para amosar recursos para contrarrestar a crise e unha das súas principais consecuencias para as empresas: a falta de crédito bancario. Trátase, fíxose saber, de aplicar as técnicas tradicionais de mecenado á Rede, ao tempo que se adoptan fórmulas de traballo colectivo. Estas metodoloxías de investimento e financiamento resultan de especial interese para start-ups e PEME, explicouse.
Na xornada, na que participaron preto dunha vintena de empresarios e emprendedores, achegouse unha cifra concreta das transaccións totais de financiamento colectivo en España levadas a cabo durante o ano pasado: 19 millóns de euros, segundo datos da Asociación Española de Crowdfunding. A Factoría de Innovación da Coruña quixo dar a coñecer a empresarios da provincia as claves deste novo modelo de microfinanciamento que, segundo explicou, “está a revolucionar o mundo dos emprendedores”.
Meténdonos no miolo mesmo da sesión, dicir que contou coas intervencións de Diego Calvo, representante da Factoría de Innovación da Coruña; e Fernando Prieto, cofundador de Start Your Business Consulting. Os relatores informaron que “o crowdfunding permite aos emprendedores dar a coñecer o seu proxecto a través de Internet e acadar fondos para o seu desenvolvemento mediante pequenas achegas de diversos investidores”. Logo de amosar diversos casos de éxito e explicar polo miúdo o funcionamento deste novo modelo de financiamento e as plataformas existentes a nivel mundial, os relatores salientaron que estas metodoloxías achegan recursos económicos ao tempo que “reducen riscos, dan maior visibilidade ás iniciativas e permite realizar un test de mercado realmente fiábel”. A actividade pechouse cunha mesa redonda na que María Jover, socia de Natural Healing; e Ramón Corujo, director de I+D de Otro Enfoque, compartiron a súa experiencia á hora de sacar adiante as súas iniciativas innovadoras a través da cooperación.

PUBLICIDADE