En marcha un portal para cubrir os baleiros informativos no noso sector agrogandeiro, a web Campo Galego

venres, 20 de febreiro do 2015 Fernando Sarasketa

Os pasados días púxose en marcha o portal Campo Galego, centrado en fornecer información útil e actual sobre o noso rural e as actividades gandeiras e agrarias. A web, que tamén serve de local social en liña para os nosos profesionais dos ditos sectores e do forestal, diríxese igualmente a reflectir todo o que se está a desenvolver na nosa terra para impulsar cara ao futuro (o sustentábel, o rendíbel, o óptimo, o competitivo) a actividade agrogandeira galega. O portal foi posto en marcha por Gonzalo Brocos e David González, e contan cun equipo de redacción co que comparten a arela común de emendar unha eiva que vén de antigo: a teima que temos informar de cousas que nin nos van nin nos veñen en detrimento dun ámbito que nos toca ben de preto, o campo galego.
Segundo conta Praza.gal nunha ampla reportaxe sobre esta nova canle-comunidade (feita a pé de campo na Feira Semana Verde de Gandagro), o xermolo do portal está na seguinte constatación: a de que non había na Rede galega un portal informativo que se dirixise aos profesionais do sector abranguendo todos os aspectos da actualidade do campo, dende o leite, á horta, á gandaría, o sector forestal. Por outra banda, a cobertura informativa que se ten dado e se segue a dar, ben pouca, era e é tamén incompleta e alterada por unha óptica urbana de máis. Segundo apuntan os responsábeis do portal, a idea é fornecer un punto de vista propio e natural, dende o campo galego, ao tempo que se aposta firmemente pola óptica innovadora. Asemade, informarase de experiencias asociativas, “pondo a disposición dos lectores coñecemento e actualidade sobre o noso agro en clave positiva”.

PUBLICIDADE