Facenda certifica as vantaxes do software da galega Sotronic, idóneo para dixitalizar oficinas

mércores, 23 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

Fálase moito da Administración Electrónica, aquela que se interrelaciona cos cidadáns a través de ferramentas que liberan ós segundos de longos trámites e de desprazamentos (amais de favorecer a participación destes no eido público), pero non se fala tanto da dixitalización do tecido empresarial, se cadra porque as súas vantaxes afectan a colectivos máis reducidos: os clientes e os traballadores da propia empresa.
Con todo, hai iniciativas neste senso que semellan de meirande alcance. Como por exemplo a posta en marcha pola empresa galega (con sede en Vigo) Sotronic, que vén de constituírse como a segunda do Estado en obter a homologación da Axencia Tributaria para achegármonos unha realidade: a oficina sen papeis. Isto que significa? Pois basicamente que a dita firma ten entre mans un programa que posibilita nas empresas meirandes aforros en materia de espazo, tempo e esforzos económicos, apoiándose sobre todo en canles e procesos que fagan doado o difícil: a dixitalización de todo tipo de documentos.

José Antonio Quiroga, director de Sotronic ; Estela Lareo, directora comercial de DIN, e Borja Becerra, director de desenvolvemento do software, durante a presentación do DF-SERVER

O programa de xestión documental intelixente DF-SERVER (así se chama) foi desenvolvido por Sotronic. Isto polo que respecta ó software en si mesmo, o fondo da cuestión. A forma e o instrumento propiamente dito, ou sexa, o hardware, é obra de DIN (Documentación e Imaxe do Noroeste). Como dixemos, a achega de ambas empresas baséase na dixitalización de todos os documentos dun negocio, amais de na súa xestión a través de medios informáticos. Segundo informa Sotronic, as vantaxes do emprego desta ferramentas son evidentes: calquera papel de calquera oficina que poidamos imaxinar (albarás, facturas, expedientes ou datos bancarios) é xa prescindible, xa que serán reemprazados por arquivos dixitais xerados polo dito software en poucos minutos e de xeito automático. Isto non impide que a recuperación do coñecemento da empresa sexa doada (en calquera intre e dende calquera lugar, dentro ou fóra da oficina), parte fundamental do bo funcionamento de calquera negocio.
Para Sotronic, o feito de ter recibido a dita homologación garante que estes procesos de conversión ó dixital e que os documentos resultantes teñan “total validez xurídica” a efectos de inspección fiscal.
Para Estela Lareo (na imaxe), directora comercial de DIN, este sistema é aínda máis importante logo da entrada en vigor do Regulamento de Desenvolvemento da Lei Orgánica de Protección de Datos (LOPD), que amplía as obrigas, en materia de protección de datos, a aqueles documentos rexistrados en papel (a protección de datos até o de agora só afectaba ós arquivos dixitais).
DF-SERVER xa está presente en máis de 50 empresas de Galiza e leva comercializándose dende xaneiro de 2007. Para as firmas responsables do produto, é moi importante subliñar a súa achega na protección do medio ambiente, ó reducir considerablemente a cantidade de papel que se consume nun negocio calquera.

PUBLICIDADE