Firefox chega a iOS

xoves, 12 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Mozilla leva probando en aberto unha versión do seu navegador web Firefox en dispositivos iOS dende o mes de setembro, e finalmente o lanzou para que os usuarios de iPhone, iPad e iPod Touch poidan gozar dunha versión nativa e estable do popular navegador que aposta por unha Internet aberta.
Aínda que en iOS xa existan numerosos navegadores web, os usuarios que fagan uso de Firefox no escritorio de seguro que recibirán ben esta novidade, xa que este navegador soporta as contas de Firefox, o que permite o acceso aos favoritos, ao historial de navegación, ás lapelas e aos contrasinais dende o móbil. Amais tamén conta con funcionalidades como un sistema visual de xestión de lapelas e modo privado de navegación, características que confían que animen aos usuarios a empregar esta nova aplicación.
Firefox para iOS está dispoñible para a súa descarga de balde, sempre que contemos como mínimo coa versión 8.2 do sistema operativo móbil de Apple. Destaca o feito de que a aplicación xa está optimizada para o iPad Pro, que chega ás tendas esta mesma semana.

Vídeo no que anuncian Firefox para iOS

PUBLICIDADE