GaiasTech celebra o 28-F unha xornada para aproximar as empresas á vangarda tecnolóxica

mércores, 22 de febreiro do 2023 S. P.

O Centro GaiásTech na Cidade da Cultura de Galicia (pertencente á axencia AMTEGA) compartu a súa axenda para os vindeiros meses, unha programación que virá marcada por un obxectivo ben definido: difundir entre empresas e profesionais de Galicia os últimos avances en tecnoloxías intelixentes, neurotecnoloxía, estratexia empresarial, deseño ou mercadotecnia dixital.
Este centro, que depende da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, enmarca a súa actividade no eixo transversal da Estratexia Galicia Dixital 2030, para a especialización tecnolóxica na nosa Comunidade, así como nos eixos 1 e 3, cos obxectivos de avanzar nunha sociedade dixital e inclusiva e nunha economía dixital e sustentábel.
Ao abeiro destes obxectivos, o Centro GaiásTech organizará o vindeiro 28 de febreiro a xornada: O futuro hoxe: as tecnoloxías que nos están cambiando, que se celebrará na Cidade da Cultura. A finalidade desta cita é “reunir nun mesmo espazo as aplicacións que todas estas tecnoloxías teñen no día a día das empresas e, por tanto, ver a súa aplicabilidade no tecido produtivo”, segundo explicaron fontes de AMTEGA, engadindo que a xornada virá con mesas redondas e relatorios moderados por persoas expertas en cada unha das tecnoloxías disruptivas: cadea de bloques (blockchain), análise da información a gran escala (Big Data), Internet das Cousas, Intelixencia Artificial e Realidade Virtual.
Este evento está dirixido tanto ao sector empresarial como á cidadanía en xeral, e mostrará as últimas tendencias en tecnoloxías disruptivas e o seu impacto no mundo empresarial. Desde as 9:00 h e ata as 17:45 h, as persoas asistentes poderán gozar dun completo programa con especialistas deste ámbito.
Para inscribirse no evento, as persoas interesadas poden visitar a páxina web do GaiásTech. O prazo para facelo xa está aberto e a inscrición é de balde.
Actividade do GaiásTech
O GaiásTech está a programar para este ano actividades orientadas a favorecer a través do coñecemento a transformación dixital das empresas de Galicia, das administracións públicas e da sociedade.
Entre estas actividades atópanse os obradoiros en neurotecnoloxía, Neurotecnoloxía: conectando a mente a un ordenador. Introdución e práctica, que se levarán a cabo o vindeiro venres 24 de febreiro. Desenvolverase tamén o ciclo de formación Lean e Dixitalización: a simbiose do método e a tecnoloxía, programado para o mes de marzo. Para as vindeiras semanas celebraranse as últimas sesións do #MesDDeseño Formación sobre fotografía en redes e creación de contidos dixitais. Neste eixo, o GaiásTech tamén está preparando una programación específica no eido da iniciativa #MesD para o marketing.
GaiásTech é unha iniciativa da Xunta de Galicia para lograr a transformación dixital do tecido produtivo e xerar produtos, solucións e servizos cunha pegada tecnolóxica, que proporcionen maior valor, innovación e competitividade nun ámbito global. Así, a través de distintos servizos e actividades, o GaiásTech amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.

PUBLICIDADE