IGATA clausura a cuarta edición do seu programa de mentoring

xoves, 20 de xuño do 2024 S. P.

O Instituto Galego do Talento (IGATA) concluíu a IV edición do seu programa de mentoring, este mércores 19 de xuño, nun evento online no que os participantes da iniciativa puideron intercambiar impresións e aprendizaxes destas 12 semanas de asesoramento e adestramento profesional.
Ademais do acompañamento dos profesionais asignados a cada proxecto, a entidade tamén organizou charlas e obradoiros de inspiración a cargo de perfís como Xosé Luís Reza, Rocío Ovalle ou a participación de Alejandro Navarro, de Navarro Abogados e Consultores Jurídicos. Así, as persoas participantes desta cuarta convocatoria edición obtiveron coñecementos de ámbitos diferenciados como o xurídico, a mercadotecnia, ou o coaching persoal ligado ao emprendemento.
“O maior resultado desta iniciativa é a satisfacción de seguir acompañando ao talento emprendedor en Galicia”, subliñou a coordinadora do programa de mentoring de IGATA, Yolanda Vázquez, engadindo que “o noso programa busca ser un espazo onde potenciar e poder ampliar miras nos proxectos de emprendemento, apostando polo talento galego”.
Tralas diferentes iniciativas levadas a cabo por IGATA neste curso escolar, como espazos de afterwork, colaboracións con diferentes organizacións e eventos divulgativos que se suman ao programa de mentoring, a entidade logrou alcanzar as 10.000 persoas na súa comunidade dixital. “Este fito non é máis que un impulso para seguir apostando por conectar a comunidade de talento galego ou vinculado a Galicia que ten cousas diferentes que contar”, recoñeceron desde a entidade.
A organización pecha a súa actividade 2023-2024 cun equipo formado por Yolanda Vázquez, Ángel Fraga, Ana Lima, Teresa Burguera e Leticia Río, e co patrocinio de Como Darwin e Navarro Abogados e Consultores Jurídicos, contando con Quincemil e Extradixital como mediapartners e coa colaboración de Vegalsa-Eroski, Universidade Intercontinental da Empresa, Coca Cola Europacific Partners e Estrella Galicia.

PUBLICIDADE