O sector TIC, presente nos proxectos apoiados polo programa Fábrica Intelixente e Sustentable de GAIN

martes, 25 de xuño do 2024 S. P.

Hoxe celebrouse a xornada de presentación dos proxectos beneficiarios da última edición do programa Fábrica Intelixente e Sustentable, programa da Axencia Galega de Innovación (GAIN) que mobiliza axudas para a industria transformadora e transformada, respectuosa co medio ambiente, rendíbel e apoiada nas máis avanzadas tecnoloxías intelixentes e automatizadas. Na cita participaron a directora da axencia Carmen Cotelo e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, quen dixo a investigación industrial, o desenvolvemento experimental e a innovación “son os puntais que deben guiar aos sectores produtivos, na medida en que permitirán mellorar a produtividade e optimizar os recursos”.
Tamén lembrou que tecnoloxías como a Industria 4.0 como a Intelixencia Artificial, a fabricación aditiva ou a cadea de bloques (blockchain) son “unha oportunidade única para aumentar o valor engadido e crear unha vantaxe competitiva sobre os demais”.
Rodríguez convidou ao tecido empresarial galego a “seguir modernizándose a través da I+D+i e da adopción de tecnoloxías punteiras para consolidar a Galicia como unha potencia en I+D+i nos principais sectores da nosa economía”
A presentación celebrouse na Cidade da Cultura de Galicia na compaña dos responsábeis dos nove proxectos apoiados na última edición desta convocatoria. Rodríguez subliñou que os nove proxectos apoiados a través de Fábrica Intelixente 2023 forman parte de sectores clave da nosa economía como a automoción, a madeira, as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) ou a alimentación e que están liderados por empresas referentes nos seus respectivos eidos. Ademais, apuntou que “máis da metade destas iniciativas apóianse nos principais centros de investigación e centros tecnolóxicos de Galicia”, o que “recalca a importancia de fortalecer ese vínculo entre ambos axentes que se vai seguir fomentando dende o seu departamento”.
Na xornada presentáronse os proxectos Plástic Tu Oil (Plastic2Oil), liderado por Tecnología y Reciclaje de Materiales (Tyrma) para a obtención de residuos cero en reciclaxe de plásticos e, o proxecto Fisterra, promovido por Norvento xunto á Universidade de Vigo e ao CTAG, que ofrece unha solución para embarcacións que permitirá ás autoridades portuarias dispor dun subministro eléctrico descarbonizado e adaptado ao seu tráfico marítimo. Finalmente, tamén se celebrou unha sesión formativa de xustificación da axuda dirixida aos beneficiarios.
En total, a través das cinco edicións deste programa, apoiáronse un total de 33 proxectos, cunha axuda de 100 M€ e un investimento mobilizado que supera os 327 M€. As axudas desta convocatoria están co-financiadas pola Unión Europea no marco do programa Feder Galicia 2021-2027.

PUBLICIDADE