Ineo organiza o día 14 un encontro para reivindicar o papel do muller no sector TIC

luns, 5 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

A asociación Ineo organiza a vindeira semana un encontro para reivindicar, fomentar e promover o papel da muller no noso tecido produtivo tecnolóxico-dixital. A xuntanza, programada en colaboración con BIC Galicia e APD, desenvolverase o mércores 14 co seguinte epígrafe: Emprender e dirixir en feminino. A muller emprendedora e directiva no escenario 2.0. O miolo do evento será unha longa e completa serie de exposicións e casos prácticos, persoais, de propostas femininas de éxito e de métodos para traballar a prol dun panorama máis igualitario. As participantes no evento, expertas na cuestión da actividade empresarial TIC, tamén achegarán recursos e consellos para conseguirmos a conciliación da vida laboral e familiar dende o liderado empresarial.
Xa nun plano máis específico, presentarase no foro a Rede de Mentoras, un instrumento impulsado por Ineo e máis BIC Galicia co obxectivo de promover a creación de firmas do sector con mulleres á súa fronte. O foro desenvolverase no salón de grados da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, a partir das 9.30 horas da mañá. A asistencia será de balde, previa inscrición vía telefónica ou e-mail. O foro dará comezo coa intervención de Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade, e Jorge Cebreiros, presidente de Ineo.
Ao longo do evento participarán Edita de Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Patricia Araque, presidenta e cofundadora de Elas 2.0, Pilar García-Ceballos Zúñiga, directora xeral de INSA, Lourdes Guerra (Ayco Internet), Lourdes Sánchez (Ultreia Comunicacións), Luz Castro (Imaxin Software), Lucía Gregorio (directora xeral de Ineo), Maite Cancelo (directora xeral de BIC Galicia).

PUBLICIDADE