Instagram estrea unha aplicación para facer composicións fotográficas

luns, 23 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Para facilitar a combinación de varias imaxes para poder compartilas cos amigos dende Instagram presenta hoxe unha nova aplicación para iPhone que ten previsto estar dispoñible para Android nos vindeiros meses e que responde ao nome de Layout from Instagram.
Layout colle as fotografías que teñamos no carrete do móbil ou permite empregar a propia aplicación para disparar fotografías, para despois poder elixir a composición que queiramos contando tamén con distintos efectos de xeito que podemos mesturar até 9 imaxes á vez. O resultado da aplicación quedará almacenado no noso carrete, de xeito que non se limitará á súa publicación en Instagram, senón que poderemos compartir as nosas composicións noutras plataformas sociais.
As composicións poden combinarse con filtros de Instagram e outras ferramentas creativas, e para facilitar a localización de imaxes no noso carrete incluso conta cunha opción de detección de caras. Unha ferramenta semellante a moitas outras que hai na App Store, pero que posiblemente gañen popularidade a grande velocidade grazas a vir da man de Instagram.

PUBLICIDADE