Intermax achega máis datos sobre o seu reto de levar internet a 300.000 galegos

luns, 18 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

O melidense Javier Mouriño, responsable da empresa con base en Melide

Intermax vén da man de Javier Mouriño, un mozo de 22 anos que dirixe unha empresa con 23 traballadores ao seu cargo. Mouriño, natural de Melide (onde ten a súa base de operacións principal Intermax), puxo en marcha esta firma especializada na achega de redes ao rural cun investimento inicial de 4.000 euros e vinte clientes. Arestora, a firma que dirixe aspira a levar internet de alta velocidade, acceso de banda larga, a arredor de 300.000 galegas e galegos. “Neste intre”, sinala Mouriño, “a nosa é a maior operadora de redes sen fíos de Galicia”. Esta arela de incrementar negocio, natural en calquera empresa, unida á experiencia dos profesionais aos que dá acubillo e ao beneficio social do seu cometido (a loita contra a fenda dixital que afecta dende hai anos, inxustamente, a unha boa parte da nosa xeografía non urbana), son as bases para afrontar o seu maior reto: a súa concorrencia no concurso de extensión das redes de acceso de banda larga na zona rural convocado pola Secretaría Xeral de Modernización, a resolver antes de fin de ano.
De impoñerse no concurso, Intermax terá que levar, como dixemos, o seu servizo a 300.000 persoas, o que suporá conectar á rede a máis de 40.000 vivendas. Con este fin, destinarase un investimento de 40 millóns de euros, dos que a compañía achegará 25, o que posibilitaría a creación de 200 postos de traballo.
Segundo manifesta Intermax ao fío do dito concurso, non falta no seu seo nin tecnoloxía nin profesionalidade para acadalo. Asemade, tampouco faltan voces que as certifiquen. Arestora, a firma de Melide ofrece servizos de banda larga mediante redes sen fíos a 7.500 usuarios de 70 concellos da zona rural de Galicia. As súas actuacións abranguen pois unha chea de concellos galegos, como Samos, Arzúa, Santiso ou Melide, onde usuarios e responsábeis das administracións locais xa deron mostras de satisfacción con respecto á cobertura e o mantemento do servizo achegado por Intermax. “Moitos son os concellos de Galicia que queren amosar o seu apoio e confianza aos servizos da nosa empresa”, comentan dende a compañía, e nesta liña sitúase Fernando Suárez, alcalde de Santiso, quen xa salientou o bo funcionamento das antenas de Intermax, que despois de dous anos seguen a cubrir as necesidades de conexión á internet de banda larga “sen problemas, cousa que non ocorría con outras operadoras”.
En semellantes termos exprésase a alcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez, quen fixo reconto do acadado pola empresa local no seu propio termo, onde xa hai máis de 300 veciñas e veciños que dispoñen de banda larga no rural. Outro exemplo vén da man do alcalde de Arzúa, Xosé Luís García, que ten salientado que grazas ao servizo da firma de Melide, 18 das 22 parroquias do concello teñen acceso a Internet, conectando até 100 megas por persoa. Así reflicte Intermax as opinións do alcalde: “Como goberno, esta infraestrutura permítenos desenvolver proxectos que tiñamos en mente dende hai moito tempo; por exemplo os da parroquia de Dombodán, onde estamos a levar a cabo unhas iniciativas para que os veciños teñan a posibilidade de vender os seus excedentes de produción a través da rede, ou mesmo propoñer actividades turísticas”, comenta.
Xa na provincia de Lugo, o concello de Triacastela é outro dos que deron acubillo aos traballos de Intermax. Segundo informa a empresa galega, trátase dun novo exemplo de “labor ben feito”, e así o certifica a súa alcaldesa, Olga Iglesias, que segundo conta a firma de Melide ten salientado a súa satisfacción como usuaria particular e como edil polos “bos servizos e polo correcto mantemento da banda larga de Intermax”. E segue: “Pola orografía da zona e a dispersión da poboación, era moi complexo levar internet a todos os puntos de Triacastela, pero cos medios técnicos de Intermax conseguiuse equipar con acceso a case o cen por cento dos veciños”.
A nivel de usuarios de a pé tampouco faltan as declaracións que avalan o servizo da firma. Por exemplo as que vén de achegar Manuel, un usuario da parroquia melidense de Zas de Rei que recomenda a todo o mundo o uso de Intemax. Outro punto de Melide onde se sorprenden coas coberturas achegadas pola empresa, informa Intermax, é no Parque Eólico do Careón. O seu supervisor, Luis Frade asegura “ter os seus servizos a pleno rendemento grazas a esta nova conexión”.
Outro lugar no que están satisfeitos coa banda larga é no Mosteiro de Samos, onde o seu prior José Luis Álvarez explicoulle a Intermax que grazas a esta empresa están “unidos a todo o mundo” cunha mellor cobertura. Neste mesmo concello, Moisés Arza do Hotel A Veiga agradece a Intermax que aumentara o valor dos seus servizos hoteleiros, “porque desde fai uns meses dispón de rede Wi-Fi para todos os seus clientes”.
Por certo que os vídeos coas declaracións dos alcaldes e usuarios están dispoñibles na páxina web da empresa de Melide.

PUBLICIDADE