Margarita Álvarez amosa en FEUGA as claves para recoñecer dende a nosa empresa os talentos ocultos

xoves, 21 de decembro do 2023 S. P.

A Fundación FEUGA organizou este mércores 20 de decembro, na súa sede de Santiago, un encontro con Margarita Álvarez, considerada unha das 50 mulleres máis referenciais do ámbito español, que reflexionou sobre o talento como clave da supervivencia das organizacións poñendo o foco nas cousas que poden facer as empresas para atopar o talento en potencia, ás veces oculto, que teñen ao alcance da man.
Segundo fixo saber, “o 73% dos directivos aseguran que non atopan o talento que buscan, un dato que evidencia que non estamos a adecuar a oferta á demanda”. E engadiu: “As regras de xogo cambiaron, as novas xeracións buscan cousas novas, priorizan aspectos como o benestar emocional e mental. Os colaboradores non queren que lles tratemos como un empregado senón como unha persoa. Fomentar o crecemento persoal, o recoñecemento e o benestar emocional é fundamental para enganchar o talento nas organizacións”.
A do anterior parágrafo é a mensaxe que Margarita Álvarez, empresaria e consultor, quixo lanzar no encontro organizado por Fundación Empresa Universidade Galega. Un evento no que estiveron presentes, o director xeneral de FEUGA, Javier Pereiro, e representantes do mundo universitario e empresarial de Galicia.
Durante a súa exposición, baixo o epígrafe E se o talento oculto fose a clave da supervivencia das organizacións?, Margarita Álvarez destacou que “o máis caro é buscar o talento fóra, pero atopalo dentro é máis complexo”. Nese sentido deu algunhas pautas para localizar e axudar a desenvolver ese talento oculto. Na súa opinión, para “enganchar” aos traballadores á empresa e evitar o que se coñece como “despedimento interior” hai unha serie de elementos fundamentais. Un deles é o crecemento. “A xente ten que sentir que é mellor profesional, que está mellor preparado e que a empresa lle axuda nese proceso de medre”, explica. Outras claves son o recoñecemento, o fomento das relacións, ademais dunha boa xestión das emocións. “É fundamental coidar do benestar emocional e mental. A xente pídenos que os tratemos como persoas e como persoas temos emocións que hai que coidar dentro da compañía”.
A empresaria e consultora, fixo especial fincapé en poñer sobre a mesa o talento oculto das organizacións que pasa por coñecer as capacidades de cada persoa, “algo que non sempre é doado”, dixo, engadindo que “a receita para conseguilo pasa por promover a confianza e a apertura da empresa compartindo máis información, mesturar equipos, permitir a cultura do erro, o mentoring, os incentivos, a unidade e a confianza.
Na súa opinión, “para que ese talento oculto, que é máis barato aínda que máis complexo, abrolle, apoie e sume é tremendamente importante que haxa cancha de actuación, que non teñamos tantas burocracias, que axudemos aos profesionais a medrar, que recoñezamos os seus méritos, que recoñezamos á persoa e que traballemos os vínculos emocionais que son os que fan que alguén sinta
orgulloso de traballar nunha empresa, nun equipo, nun proxecto ou nunha organización”, concluíu.
O encontro foi presentado polo director xeneral de FEUGA, Javier Pereiro, que abriu o acto destacando que, precisamente, o impulso ao talento é un dos piares fundamentais da Fundación”. Un eixo que se reforzou coa incorporación do portal de emprego da entidade que conta xa con 10.000 usuarios e que “neste último ano xestionou máis de 500 ofertas de emprego”. Javier Pereiro resaltou que “a captación e o desenvolvemento de talento son cuestións cada vez máis complexas” nun momento no que as empresas e organizacións enfróntanse “cada vez a unha maior incerteza” e necesitan líderes” capaces de levar a cabo os cambios.
Perfil de Margarita Álvarez
Margarita Álvarez foi nomeada pola revista Forbes como unha das 50 mulleres máis poderosas de España e foi elixida entre as 10 directivas máis influentes do país durante tres anos consecutivos. A súa carreira sempre estivo ligada a postos de alta dirección en multinacionais. É directora de Human Age Institute, unha institución dedicada á xestión da transformación social para conseguir empresas máis sustentábeis. Ademais, é directora executiva (CEO) de Working for Happines, unha consultora que traballa con grandes empresas en áreas de liderado, recursos humanos, comunicación, mercadotecnia, transformación reputacional e sustentabilidade. Traballou durante 15 anos en Coca-Cola, desempeñando varios cargos, entre eles o de presidenta do Instituto da Felicidade. Foi tamén directora de Marketing e Comunicación de Iberia e Latam no Grupo Adecco. Como responsábel de Thought Leadership no mesmo grupo, liderou a estratexia de reputación en 62 países. É, así mesmo, fundadora do Observatorio de Innovación no Emprego e a Educación (OIEE).


PUBLICIDADE