Marvel Unlimited estrea aplicación para Android

mércores, 8 de maio do 2013 Marcus Fernández

No mes de marzo o proxecto de subscrición dixital ao fondo editorial da Marvel coñecido como Marvel Unlimited, daba o salto da web a dispositivos móbiles de Apple, e agora contan xa con aplicación para Android 2.3.3 ou superior, facilitando así o acceso a máis de 13.000 comics mediante unha subscrición mensual de 9,99 dólares (7,59 euros) ou de 59,98 dólares/ano (45,50 euros).
Aínda que nun principio esta selección de comics da Marvel busca atraer a seareiros desta editorial que poden así repasar moitas das súas historias memorables dos últimos 70 anos, tamén pode ser unha boa alternativa á compra dixital de exemplares actuais, pois as coleccións en curso intégranse en Marvel Unlimited 6 meses despois do seu paso polos quioscos.
A aplicación móbil de Marvel Unlimited permite o acceso a un completo catálogo de comics no que priman os arcos argumentais completos e no que tamén hai numerosos comics ofrecidos de balde (para poder probar o servizo). Tamén permite a posibilidade de gardar ata 6 comics en local para a súa lectura cando o noso dispositivo móbil non estea conectado á Rede.

PUBLICIDADE