Miguel Rodríguez Quelle asumirá o cargo de director xerente de Retegal

martes, 19 de maio do 2015 Redacción

O Consello de Administración do operador público Retegal vén de nomear como director xerente a Miguel Rodríguez Quelle, licenciado en Enxeñaría de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo, na especialidade de Telemática, e Máster en Bussines Administration pola Escola de Negocios de Caixa Galicia.
Miguel Rodríguez, foi desde setembro de 2007 responsable do proxecto de servizos de rede e telefonía fixa do operador R na Xunta de Galicia e conta cunha ampla experiencia na xestión e desenvolvemento de proxectos de telecomunicacións. Entre xullo de 2005 e decembro de 2006, desenvolveu a súa actividade profesional na empresa Comunitel Global como xestor de grandes contas e, posteriormente, como Residential & SME Product Assistant Manager. Anteriormente, foi consultor e responsable de auditoría en Tragsa.
Rodríguez Quelle substitúe o cargo a José Ángel Abeal, de quen o Consello de Administración fixo unha valoración moi positiva da súa traxectoria como director xerente de Retegal nos últimos cinco anos.
Actualmente, Retegal xestiona máis de 270 centros de telecomunicacións e unha rede fibra óptica de 1.855 quilómetros. A rede de Retegal foi chave nos despregamentos realizados dentro do Plan de Banda Larga da Xunta, que facilitaron o acceso a internet a máis de 740.000 galegos sen cobertura.

PUBLICIDADE