O CICA da UDC inaugura unha exposición 3D en colaboración coa asociación UDCBigBang

xoves, 20 de xuño do 2024 S. P.

O CICA da Universidade da Coruña inaugurou este xoves 19 de xuño unha exposición de pezas impresas en 3D que representan as liñas de investigación do centro. A asociación de estudantes da Universidade da Coruña, UDCBigBang, promoveu a iniciativa en febreiro deste ano, logrando recompilar o traballo dos grupos de investigación do centro e representalo a través de 38 pezas que quedarán expostas de forma permanente no CICA, ademais de na súa páxina web.
Ás 12:00 horas o salón de actos do centro enchíase estes xoves 19 de estudantes e investigadores que acudiron para ver o produto final dunha colaboración que levaba meses en marcha. O acto inaugurouse cunha mesa institucional conformada por Jaime Rodríguez, director do CICA; Mª José Lombardía, vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade da UDC, e Ignacio Delgado Ferreiro, presidente da asociación UDCBigBang.
O traballo da asociación non rematou na exposición material. A colección está acompañada de carteis cun código QR que permiten a calquera persoa cun teléfono na man acceder á información detallada sobre cada peza da exposición e tamén do grupo de investigación ao que corresponde. Este traballo permite que os visitantes poidan ampliar o seu coñecemento sobre Química e Bioloxía. O traballo recolle desde proteínas ata vesículas, diatomeas, nanopartículas de grafeno, MOOFs e moitos outros produtos da investigación científica do centro que merece a pena coñecer.
Coa axuda do departamento de Comunicación e Divulgación Científica do centro, a asociación de estudantes elaborou unha landing na web do CICA que permite a calquera persoa con acceso a Internet visitar a exposición. Na web atoparemos toda unha galería de imaxes interactivas coas que chegaremos mesmo a poder manipular as pezas en directo facendo que as fotografías en 2D pasen a 3D esteamos onde esteamos.

PUBLICIDADE