O COETG exporá o potencial das TIC na saúde perante médicos e técnicos de toda España

martes, 7 de xuño do 2016 Redacción

No camiño de facer avanzar a conxunción TIC-medicina (o que se coñece como eSaúde), o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia vai participar na nova edición do Congreso da Sociedade Española de Medicina de Familia e Comunitaria. A presenza do COETG no evento, que se desenvolve este ano entre o 9 e o 11 de xuño na Coruña, centrase sobre todo na organización dun obradoiro de tecnoloxía a desenvolver baixo o seguinte epígrafe: A saúde e a súa información a traveso das redes de comunicación e os seus dispositivos. Unha xestión responsábel.
O obradoiro virá da man de enxeñeiros de Telecomunicación colexiados que forman parte do grupo de traballo eSaúde creado polo COETG/AETG para achegar ás novas tecnoloxías ao colectivo de médicos e fomentar a súa utilización na área da saúde en xeral. A actividade, coordinada polo xerente do COETG, consistirá (máis en detalle) na celebración dunha mesa central e tres talleres simultáneos (A nube segura, O smartphone seguro e áxil e Accesibilidade a redes seguras) que terán lugar o venres día 10 de xuño de 10.00 a 13.30 horas nas instalacións do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña. Os relatores son Jacinto Parga Fernández, Paulino González Pan e César Mariñas Dávila.
A mesa, informa o colexio, centrarase en como a accesibilidade e conectividade ás redes de comunicacións fixas e móbiles proporcionan aos profesionais da saúde “poderosas ferramentas para mellorar o servizo que prestan á sociedade”. Ademais farase fincapé nas vantaxes do emprego responsábel e eficiente desas redes e dos dispositivos que permiten acceder a elas: vantaxes que garanten aos profesionais médicos “unha prestación sanitaria respectuosa cos dereitos dos pacientes”. Na actividade tamén se fará fincapé nunha cuestión propia dos países desenvolvidos: a estreita vinculación existente neses países entre o dereito de acceso á saúde e o dereito de acceso ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).

PUBLICIDADE