O CPEIG concede o Premio Traxectoria Profesional a Patricia Rodríguez Dapena
martes, 31 de maio do 2016
Entre os recoñecementos á profesión TI na nosa
terra que convoca cada ano o Colexio Profesional de Enxeñaría en
Informática de Galicia (e que se van entregar este 3 de xuño no
marco da Noite Galega da Enxeñaría en
Informática) figura o Premio Traxectoria Profesional. Este
2016, o galardón recaerá en Patricia Rodríguez Dapena,
licenciada en Informática pola Universidade Politécnica de Madrid
(1982-1987) e doutora pola Universidade Técnica de Eindhoven –
Holanda. A día de hoxe, Patricia é directora executiva da
empresa Softwcare.
Foi enxeñeira de software e de calidade de
programas en diferentes empresas españolas (SCYT, ENTEL Defensa e
Aeroespacial, INTA, GMV) entre 1987 e 1992 e nese último ano sumouse
á equipa da Axencia Espacial Europea en Holanda (ESTEC). Nesta
axencia desenvolveu até o ano 2000 tarefas de soporte na creación
do software dos satélites.
Desde 2001, á súa volta voluntaria a España, é
fundadora e xerente de Softwcare, microPEME centrada na verificación
e validación de software crítico. A enxeñeira tamén participou
(como fundadora ou socia) en empresas como Knowledge Investors,
BlueLabs, SoftQcare e AIE con Everis Aeroespacial e Defensa:
Evercare. Arestora está involucrada en proxectos como a verificación
e validación independente do software crítico de control (tanto do
satélite coma dos instrumentos) do novo Meteosat Terceira Xeración
para a Axencia Espacial Europea. Tamén achega o seu coñecemento e
experiencia no proxecto de UAV (vehículos aéreos non tripulados)
para a Xunta, en facetas de verificación, validación, calidade e
certificación do software de control. Igualmente, colabora en varios
proxectos de análise e acreditación da seguridade de programas para
o sector do motor, ao abeiro da arquitectura xenérica AUTOSAR.