O CPETIG e FEUGA organizan un curso de Scrum manager

xoves, 13 de marzo do 2014 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) quere impulsar na nosa terra, a nivel das administracións pero tamén das empresas, novas metodoloxías que contribúan a axilizar procesos. En definitiva, a reducir o tempo e o esforzo no desenvolvemento de proxectos ao tempo que se maximiza a eficacia, a calidade e a rendibilidade. Para ir preparando este terreo, o CPETIG vén de convocar xunto con FEUGA un curso de Scrum manager para profesionais do sector informático con certificación oficial. Lembrar que Scrum manager é “un procedemento de xestión que permite obter o mellor resultado posíbel dos nosos proxectos tras estudar o xeito de traballar de equipos altamente produtivos”, explica o Colexio, que tamén recorda que “en moitos concursos públicos xa esixen que os proxectos presentados conten con profesionais certificados en Scrum para a súa execución”.
O curso en cuestión está dirixido a profesionais do sector informático con experiencia previa na realización de iniciativas nos ámbitos de análise, desenvolvemento ou dirección de proxectos. A actividade formativa, que se realizará os días 2 e 3 de abril, ten unha duración de 16 horas e será impartida polo enxeñeiro técnico informático Raúl Herranz, con máis de 15 anos de experiencia en desenvolvemento de software. Os asistentes que superen o exame obterán o certificado oficial Certified Scrum Manager.
Como dixemos, a formación está dirixida a profesionais que participen na realización de proxectos, “con independencia do papel que desempeñen nestes (xefes de proxectos, analistas, deseñadores, programadores e usuarios)”, explica o Colexio. Os obxectivos do curso son amosar a través da práctica como traballar co Scrum e como adaptar os procesos actuais “para lograr unha implantación realista e eficaz desta metodoloxía e das técnicas áxiles na súa organización”. A plataforma profesional que preside Marcos Mata salienta tamén que o modelo pedagóxico que vai asumir o obradoiro en cuestión é “totalmente dinámico e interactivo, baseado na práctica”.
A formación ten un custo de 495 euros, aínda que os colexiados do CPETIG e os socios de FEUGA terán un desconto do 10%. No prezo inclúese a documentación e a certificación. As empresas tamén dispoñen dun plan de descontos a partir da terceira inscrición.
A organización desta actividade formativa enmárcase nos compromisos adquiridos pola nova xunta directiva do CPETIG, elixida o pasado 1 de febreiro, para impulsar a formación permanente dos colexiados, “unha estratexia necesaria para mellorar constantemente o servizo que os enxeñeiros técnicos informáticos prestan á sociedade”.
O curso inclúe os seguintes contidos:
- Material de alumno: Libro de apuntamentos, fichas de actividades e exercicios, baralla para estimación de póker.
- Curso presencial de 16 horas, incluídos talleres e actividades:
· Obradoiro de simulación de xestión de proxectos con potencial de predición. Actividades: análise, descomposición e estimación, planificación e seguimento.
· Obradoiro de xestión de proxectos áxil con Scrum: product Backlog, sprint Backlog, reunión de inicio de sprint, reunión diaria, reunión de peche de sprint.
· Exercicio de estimación de póker.
· Exercicios de xestión do coñecemento, explicitación e socialización.
- Probas e certificación oficial Scrum Manager (certificación de 150 Puntos de autoridade Scrum Manager).

PUBLICIDADE