O Campus de Pontevedra recolleu un centenar de aparellos informáticos para o seu correcto tratamento

martes, 16 de maio do 2017 Redacción

Finalmente celebrouse entre o 8 e o 12 de maio, no Campus de Pontevedra e da man da Vicerreitoría, a cuarta edición da Semana de Recollida de RAAE (Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos). A actividade, desenvolvida ao abeiro do proxecto Green Campus, permitiu recadar unha manchea de refugallos TIC para o seu correcto tratamento (respectuoso co medio ambiente e coa sustentabilidade). Refugallos como móbiles, cables, cargadores, impresoras, pantallas, computadores, altofalantes e electrodomésticos en xeral. En total, a campaña foi alén do centenar de obxectos recollidos. Agora, coa colaboración da Oficina de Medio Ambiente da Universidade, serán trasladados a un xestor autorizado.
Dirixida tanto á recoller unha serie de dispositivos que funcionan con baterías e que resultan contaminantes para o medio ambiente como a promover a concienciación da comunidade universitaria ao respecto, esta cuarta semana de recollida péchase “cun balance que ten que ser positivo, porque segue contando coa implicación da comunidade universitaria”, salienta o director da Área de Planificación do campus, Celso Cancela.
A maior parte dos aparellos procederon da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Casa das Campás, onde se superou (en ambos casos) a ducia de electrodomésticos e dispositivos informáticos, xunto con numerosos cables e ratos. A campaña, amais de material estritamente informático, permitiu tamén recoller outra serie de electrodomésticos, como catro torradoras, unha cafeteira ou as dúas aspiradoras depositadas na sede da Vicerreitoría.
“O obxectivo máis inmediato é retirar da circulación estes aparellos, pero a medio prazo é concienciar de que non se poden botar por aí en calquera colector e creo que nese senso estamos na boa liña”, engade o coordinador desta iniciativa, que como sinala “haberá que agardar aos vindeiros anos” para constatar se segue contando, edición tras edición, coa implicación "dun grupo máis ou menos amplo de xente”.

PUBLICIDADE