O Concello de Lugo blíndase para minimizar os riscos ante ataques informáticos

venres, 21 de xuño do 2024 S. P.

Ante o incremento de ciberataques nas empresas e nas distintas administracións, o Concello de Lugo está a avanzar na prevención da piratería informática para minimizar riscos ante eventuais ataques. Así, boa parte das traballadoras e traballadores da Administración local está a recibir formación continua en materia de ciberseguridade, para loitar contra as ameazas ás que se expón a información.
Así o fixo saber a alcaldesa Paula Alvarellos nunha visita celebrada esta semana ao Vello Cárcere, onde se está a impartir un curso para empregados municipais, co obxectivo de afondar na loita contra a piratería informática e na formación en ciberseguridade. A rexedora sinalou que “desde o Concello de Lugo queremos garantir a seguridade na Administración local, ao tempo que avanzamos na dixitalización co fin de mellorar a eficacia e a eficiencia dos servizos municipais que prestamos á cidadanía”.
Segundo explicou, o Concello de Lugo “enfrontase a unha contorna de traballo cada vez máis dixitalizado, tramitando expedientes electrónicos, respondendo a correos electrónicos, procesando facturas e recibos, xestionando aplicacións na nube ou en dispositivos móbiles, ou realizando tarefas de difusión en redes sociais; este emprego diario da tecnoloxía leva aparellados riscos que, en ocasións, poden comprometer gravemente o funcionamento de toda a Administración”. Tamén fixo saber que as ameazas poden ter formato de ciberataques pero que noutras ocasións “o que se pode detectar como piratería informática son erros humanos que hai que corrixir”. De feito, desde o Executivo de Paula Alvarellos se explica que “aínda que se avanzou moito na posta en marcha de medidas de ciberseguridade, hai que ter en conta que hai incidentes de seguridade que non son técnicas de piratería sofisticadas, senón que a miúdo vense favorecidos por erros humanos”.
Por iso, as sesións formativas que se están a desenvolver teñen como obxectivo, por unha banda, proporcionar os coñecementos e ferramentas necesarios para identificar, previr e responder eficazmente ante posíbeis ataques informáticos, e por outra, evitar na medida do posíbel o maior número de erros humanos que podan supoñer unha ameaza para o sistema. Amais, trabállase nunha mellor formación e concienciación en protección tecnolóxica, como “un eixo fundamental para o bo funcionamento de calquera organización, facendo que os seus empregados e empregadas reciban unha capacitación periódica que lles permita protexer a seguridade da información que manexan”.

PUBLICIDADE