O Dicionario da RAG incorpora preto de 400 novas entradas, ampliacións e modificacións

mércores, 11 de xaneiro do 2023 S. P.

A Real Academia Galega fixo balance da actividade xerada o ano pasado polo seu Dicionario, actividade dixital que se saldou, en 2022, con case 35 millóns de consultas e a incorporación de preto de 400 cambios entre novas entradas, novas acepcións en lemas xa rexistrados e modificacións de redacción das definicións. A RAG informou tamén de que o repertorio dispón dende a semana pasada dunha nova aplicación para dispositivos móbiles, para Android e iOS, que simplificará o acceso ás futuras actualizacións.
Polo que respecta ás últimas incorporacións, realizada polo Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega (coas contribucións dos usuarios e usuarias, que poden enviar as súas suxestións a través da lapela en liña Axúdanos a mellorar), figuran na listaxe neoloxismos como idadismo e idadista, que se refiren á discriminación contra persoas ou colectivos por razóns de idade, especialmente cando esta se produce contra as persoas maiores; cis e trans, formas abreviadas de cisxénero e transxénero, que xa contaban con cadansúa entrada; deporte electrónico, que nomea a competición de videoxogos entre dous ou máis usuarios, fundamentalmente cando é practicada por profesionais e conta con moitos espectadores; ou aeroxerador, dispositivo que converte a enerxía cinética producida polo vento en enerxía eléctrica.
A crecente preocupación polo cambio climático está tamén coa entrada da voz antropoceno e das locucións quecemento global e efecto invernadoiro. Outras palabras designan produtos de uso cotián na cociña como alfábega, a forma galega para se referir á planta aromática Ocimum basilicum, ou de crecente popularidade, como a alfarroba, froito cuxo consumo se está a estender como substituto do cacao.
Hai tamén actualizacións que completan familias léxicas e que, malia seguiren as regras de formación de palabras propias do galego por sufixación, son motivo de consultas recorrentes por parte dos usuarios do Dicionario. Son así xa lemas do Dicionario expendedoría, lexibilidade, segredismo, solteiría, procedemental, actitudinal, competitividade, masaxear, titorizar ou versionar.
Outro grupo de palabras que entran está formado por estranxeirismos como mandala, zápping ou jacuzzi, e voces de vocabularios especializados pero de uso estendido por distintos motivos como incomparecencia, peticionar ou trabar embargamento ou embargo, no caso do léxico xurídico; ou de escoada, sinónimo de coada, e delta lávico, dous termos máis que se suman a outras incorporacións derivadas da revisión que propiciou a erupción do volcán de La Palma no ano 2021.
Outra novidades refírense a novas acepcións que se engaden a lemas que figuraban no Dicionario. É o caso de crocante, compoñedor -a e transportador.

PUBLICIDADE