O concurso de ideas da UDC para o deseño do edificio CITIC IA na Cidade das TIC xa ten proposta gañadora

martes, 16 de novembro do 2021 S. P.

A Universidade da Coruña comunicou o nome da proposta gañadora no concurso de ideas convocado pola institución educativa para o deseño o edificio CITIC, Intelixencia Artificial, na Cidade das TIC (a antiga Fábrica de Armas da Coruña). A contribución que se impulso no certame foi finalmente GAIA0101 presentada por Guadalupe Piñera, Jesús Irisarri, Enrique Blanco, Patricia Sabín e Joaquín Martín.
En segundo lugar, o xurado elixiu o deseño TICA0021 presentado por Santiago Barge en colaboración con Mª Belén Bouza e Guillermo Lozano; no terceiro lugar escolleuse a idea FITO2022 de Alejandro Rodríguez coa colaboración de María Mera e Martín Álvarez.
Finalmente, o xurado, que valorou a excelente calidade de todos os traballos presentados, decidiu entregar un accésit á proposta CTIC2030 de Gustavo Figueira coa colaboración de Diego Díaz e Javier Pombar. O primeiro premio recibirá unha gratificación económica de 20.000 euros; 10.000 euros para o segundo e 7.000 euros para o terceiro.
O edificio que se situará na Cidade das TIC será un centro de I+D+i denominado CITIC IA. Ocupará unha superficie inicial de 6.500 metros cadrados construídos, pero o edificio debe contemplar a posibilidade de crecemento ao dobre da súa superficie. A premisa do deseño era “realizar unha construción que poida resistir as incidencias do tempo, de doado mantemento e coa sustentabilidade do edificio e do seu contorno como prioridade”.
Detalles da proposta gañadora
O proxecto gañador, GAIA0101, crea “un espazo multiuso colectivo de transferencia de coñecemento, o foro, espazo de grada que posa o edificio no lugar e que cose a paisaxe ás dúas cotas que presenta a parcela, activando e incorporando a natureza á arquitectura”, segundo describe a proposta. Os espazos comúns, de exposicións, etc. funcionan como “un adro ao que se abren adros en altura que conforman os espazos sociais, de roce entre investigadores, e que se abren inxerindo o interior do parque que o circunda”, engádese no proxecto, que engade ao programa un espazo de conciliación no andar baixo, con acceso directo ao xardín. A proposta artéllase arredor de oito andares e un baixo cuberta que acollerá un xardín de inverno.
Segundo destaca a UDC, o edificio contempla espazo para a dirección, unha zona administrativa e despachos, e ademais inclúe grandes laboratorios, entendidos como espazos ligados a postos de traballo informatizados. Existen tamén laboratorios de desenvolvemento de produtos nos que se realizará investigación con obxectos físicos. Salas de reunións e de desmotracións e unha ampla sala de xuntas con capacidade para 150 persoas, completan a disposición espacial que se artella arredor de oito plantas e un baixo cuberta que acollerá un xardín de inverno.
O xurado estaba presidido polo reitor da UDC, Julio Abalde, e composto por Manuel González Penedo, director do Centro de Investigación en TIC (CITIC); Amparo Casares Gallego, vicerreitora de Infraestruturas e Sustentabilidade da UDC e arquitecta; Antonio Raya de Blas, adxunto de Infraestruturas da UDC e arquitecto; Plácido Lizancos Mora, director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC e arquitecto; Cristóbal Crespo González, director do Departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición e arquitecto; como vocais, e Bernardo Lage Arias, arquitecto e xefe do Servizo de Arquitectura, Urbanismo e Equipamentos da UDC, como secretario.
Na Rede hai máis información e imaxes sobre o deseño.
CITIC, Nodo de Intelixencia Artificial
Este edificio Nodo de Intelixencia Artificial, constituirá a ampliación do actual Centro de Investigación TIC (CITIC), recoñecido pola Xunta como “Centro de Investigación de Galicia”. A UDC ten o 74% do profesorado galego da área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial, e máis da metade do alumnado e dos titulados en Informática de todo o Sistema Universitario Galego (SUG). Así mesmo, o Centro de Investigación en TIC da Universidade da Coruña é o primeiro centro singular do SUG en TIC e o maior en Intelixencia Artificial de Galicia. Está especializado nas áreas de Intelixencia Artificial, Ciencia e Enxeñaría de Datos, Computación de Altas Prestacións, Servizos e Redes Intelixentes e Ciberseguridade, con preto da metade de todos os investigadores galegos do sector.

PUBLICIDADE