O rural ourensán contará para o ano que vén con banda larga a través de WiMAX

xoves, 22 de outubro do 2009 Marcus Fernández

A Deputación de Ourense, a través do Negociado de Desenvolvemento Local e Recursos Europeos (negociado dependente do Servizo de Investimentos, Patrimonio e Subvencións), está a desenvolver actuacións de implantación de banda ancha no rural ourensán, de xeito que nos últimos días procederon á convocatoria, mediante procedemento aberto, do expediente para contratación de obra pública, consistente nunha aplicación e explotación dunha rede de banda ancha no ámbito dos proxectos Arraiano, Terras do Avia e Delorur, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), de xeito que 51 concellos do rural ourensán poderán gozar de banda larga sen fíos antes do remate de 2010.
A única empresa presentada á convocatoria foi Iberbanda, que será a que dotará de conectividade mediante tecnoloxía WiMAX as zonas onde non existen outras infraestruturas de banda larga, o que afectará aos concellos de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Xinzo de Limia, Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Vilardevós, O Carballiño: San Amaro, Beariz, Boborás, O Carballiño, San Cristovo de Cea, O Irixo, Maside, Piñor, Punxín, A Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón, Ribadavia, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga, Vilamartín de Valdeorras, A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso.

PUBLICIDADE