O sistema educativo galego iniciará o vindeiro curso cunha materia específica de Intelixencia Artificial

martes, 6 de xullo do 2021 S. P.

Este 6 de xullo a docencia da nosa terra de un paso de xigante en materia de formación tecnolóxica. En concreto, a Xunta confirmou que o sistema educativo galego vai incorporar o vindeiro curso a Intelixencia Artificial (IA) como Materia de Libre Configuración Autonómica nos centros públicos, dirixida ao alumnado de 1º de Bacharelato e cunha carga lectiva de dúas horas á semana, co obxectivo de “proporcionar ao alumnado un primeiro achegamento á IA a través dun enfoque eminentemente práctico”.
O conselleiro de Cultura e Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou este 6 de xullo na presentación do currículo desta nova materia coa que, segundo dixo, “enriquécese o catálogo de libre configuración composto ata o de agora por un total de 25 materias nas que o curso pasado estaban matriculados preto de 30.000 alumnos”.
Román Rodríguez explicou que o “reto de futuro do sistema educativo para os vindeiros anos é o reto do coñecemento, da innovación e da transformación dixital” para o cal o Goberno galego “está perfilando un conxunto de accións específicas que quedarán plasmadas na Estratexia Educación Dixital 2030 que se está a piques de pechar e que abrangue a incorporación de estratexias docentes e a introdución de novas técnicas pedagóxicas enfocadas á transformación dixital”.
Segundo subliñou o conselleiro, a materia de IA abordarase “cun enfoque eminentemente práctico, onde os estudantes aprenda a programar sistemas intelixentes e testar o seu funcionamento real a través da metodoloxía de aprender facendo que xa vimos impulsando cos espazos maker nos centros escolares e que imos reforzar cos polos tecnolóxicos en todos os centros educativos”, abondou.


PUBLICIDADE