Obrígase aos traballadores dun provedor de Apple en China a non suicidarse

luns, 2 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

Sen ánimo de estragarlle a ninguén o seu iPad acabado de estrear, o certo é que semella que hoxe en día apenas hai produtos de gran alcance comercial que non teñan o seu lado escuro nalgún punto da cadea de creación-produción-distribución. Isto que é aplicable a unha chea de aparellos e servizos dixitais, tamén o é á nova liña de trebellos de Apple, tan solicitados nos mercados que a multinacional puxo todo da súa parte para que a demanda non ficase sen unha oferta axeitada, cousa que en certos escenarios xa tivo consecuencias en forma de explotación laboral. Coma sempre, quen leva a peor parte son os países onde os dereitos de traballadores valen tanto coma papel mollado. Para facernos unha idea, e segundo se conta na Rede, en dous centros de produción destes aparellos en China xa se lles negou aos traballadores o dereito a suicidarse. Ou sexa, nin matarse poden.
Cal é motivo de que se teña chegado a este extremo, no caso de confirmarse de maneira definitiva? Pois basicamente o ritmo de produción e consumo no que estamos metidos, todos contribuíndo en maior ou menor medida a que as cousas empeoren. Por certo que a cláusula antisuicidio que se inclúe no contrato diríxese a asegurar que nada, nin sequera unha baixa, poda alterar a boa marcha da liña de produción. O negocio manda.
Os feitos están a ser investigados por dúas organización non gobernamentais, e xa foron reflectidos por The Guardian, e na nosa terra, pola comunidade Chuza!
As supostas malas prácticas afectan ao devandito iPad pero tamén a outros produtos como iPhone e demais. No punto de mira están as factorías de Shenzhen e Chengdu, que pertencen á compañía Foxcomn. Amais da cláusula antisuicido, estanse a investigar medidas como un exceso de horas nas xornadas laborais (unha media de máis de tres horas extra ao día), a inclusión de só un día libre por cada trece e a humillación sistemática de todo aquel traballador ou traballadora que cometa algún erro no seu labor diario en planta. Pola súa parte, a resposta de Apple a este tipo de acusacións é clara: na empresa, sinala, existe o compromiso de asegurar os máis altos estándares de responsabilidade social. Amais disto, engade que conta cun programa para o seguimento exhaustivo de todas as fábricas que traballan para a compañía.

PUBLICIDADE