Orange lanza en España a súa rede 5G SA

luns, 13 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

A chegada da 5G a España foi unha decepción para moitos consumidores, tanto polo lento espallamento da súa cobertura como polas prestacións moi inferiores ao anunciado, xa que a 5G que implantaron é Non Stand Alone, ou sexa, dependente da infraestrutura das redes 4G, pero en breve imos ver como é a 5G de verdade, pois Orange está a completar a despregadura da 5G SA (Stand Alone) nas cidades de Madrid, Barcelona, Valencia e Sevilla.
Ao longo de 2023 irán incorporando novas poboacións á 5G SA, tecnoloxía que promocionarán como 5G+ para diferenciala da decepcionante 5G actual. Orange convértese así nun dos primeiros operadores de telecomunicacións en lanzar a 5G SA en Europa.
A 5G+ supón unha mellora da cobertura en interiores (grazas ao uso de bandas nativas 5G), unha redución da latencia, menor consumo, soporte para maior número de dispositivos conectados e incluso maior seguridade. Orange tamén salienta na súa aposta pola 5G que é o operador co maior espectro na banda de 3,5 GHz, a prioritaria para ofrecer maiores velocidades.

PUBLICIDADE