Os informativos da TVG estrean canle de WhatsApp

martes, 5 de decembro do 2023 Marcus Fernández

Para facilitar o acceso á información sobre a actualidade dende o móbil a Televisión de Galicia estrea estes días unha canle de WhatsApp á que os usuarios poden subscribirse para poder consultar unha escolma das novas do momento, a predición meteorolóxica e algún vídeo que dende os servizos informativos da TVG teñan a ben salientar.
Os contidos publicados na canle de WhatsApp de G24.gal son basicamente titulares cunha ligazón para ampliar a información vía web. Deste xeito a TVG quere conectar mellor cos usuarios que tenden a informarse máis a través do seu móbil.
Esta non é a primeira canle de WhatsApp da TVG, senón que o programa Land Rober Tunai Show ten canle de seu como un xeito máis de conectar coa súa multitudinaria audiencia.
Cómpre lembrar que as canles de WhatsApp son unha ferramenta que prima a privacidade, de xeito que nin os administradores das canles nin os subscritores teñen acceso aos números de teléfono dos que participan neste novo xeito unidireccional de comunicación.

PUBLICIDADE