Os traballadores públicos galegos poden acceder a un novo Dicionario xurídico en liña

venres, 22 de febreiro do 2013 Redacción

Grazas á colaboración entre a AMTEGA, a Consellería de Cultura e Educación e Edicións Xerais os empregados da Administración galega e dos concellos da nosa comunidade poden agora acceder ao Dicionario xurídico galego en liña, ferramenta que en 2011 publicárase en papel e que agora chega a un público maior grazas á Rede, recollendo preto de 2.000 entradas nas que se presentan en galego normativo conceptos esenciais do Dereito, información crítica sobre a lexislación vixente en España e termos e institucións propias do Dereito Civil de Galicia.
Durante a presentación oficial desta nova solución en liña estiveron presentes o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira; e o director de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado. No acto tamén participaron o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Segundo o conselleiro de Cultura e Educación, a nova achega constitúe unha “manifestación clara da firme vontade do Goberno galego de apoiar que a lingua galega e a sociedade que a falan siga gañando protagonismo no ámbito das tecnoloxías”, ao que Vázquez Abad engadiu que o Dicionario xurídico en liña materializa as directrices do Plan Xeral de Normalización Lingüística.
Mar Pereira sinalou que o Dicionario xurídico en liña se suma ao catálogo de recursos lingüísticos que a Administración autonómica contribuíu a por a disposición dos empregados públicos e da cidadanía nos últimos anos como o corrector Galgo 2.0, o bUSCatermos, o dicionario Digalego, o Dicionario de pronuncia da lingua galega en liña ou o acceso á Enciclopedia Galega Universal.
A publicación do Dicionario foi posible grazas á contribución de máis de 130 profesionais do ámbito da xustiza –tanto de Galicia como de fóra comunidade autónoma–, baixo a dirección dos maxistrados Luciano Varela e Xosé Xoán Barreiro. Tamén colaboraron co seu labor de supervisión un equipo de catro lingüistas coordinado por Manuel González, membro da Real Academia Galega e coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
A publicación transcende os canons que a lexicografía establece para os chamados dicionarios descritivos temáticos ou profesionais. Polas súas características, constitúe un dicionario de tipoloxía enciclopédica no que, con absoluto rigor científico, e tamén con inmenso coidado, se aborda o complexo universo xurídico galego.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, xunto co presidente de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado, presentaron o Dicionario Xurídico Galego en Liña

PUBLICIDADE