Papá Noel comunicarase coa infancia galega por videoconferencia

xoves, 7 de decembro do 2017 Redacción

Entre os días 11 e 21 de decembro preto de 1.600 alumnos de educación infantil de 32 concellos de Galicia poderán realizar as súas peticións de Nadal a Papá Noel grazas á rede de videoconferencia das aulas CeMIT, presentes en todas as comarcas galegas.
Os escolares de Educación Infantil de Betanzos, Celanova e Barreiros serán os primeiros que reciban esta visita nas aulas CeMIT destes concellos. Este intercambio de mensaxes comezará o luns 11 de decembro a partir das 11 da mañá, cunha duración de media hora en cada aula.
Nos seguintes días, ata o 21 de decembro inclusive, conectarán con Laponia as aulas CeMIT de Abegondo, Bande, Beariz, Boiro, Burela, A Cañiza, Carballedo, Castro Caldelas, Catoira, Cerceda, Ferrol, Fisterra, A Fonsagrada, Leiro, Marín. Muros, Ourense, Ortigueira, Oroso, Pontedeume, As Pontes, Quiroga, Ribeira, Santa Comba, Sarreaus, Valga, O Vicedo, Vilagarcía, Vimianzo e Xunqueira de Ambía, ata completar así as 32 localidades que recibirán a visita virtual do noso Papá Noel.
Ademais dos alumnos de educación infantil dos diferentes colexios de Galicia, tamén terán a posibilidade de solicitar en directo os seus agasallos a Papá Noel o alumnado do Centro Pai Menni de persoas con discapacidade de Betanzos e as persoas con trastorno do espectro autista da Asociación Bata de Vilagarcía de Arousa
O obxectivo desta actividade, que neste ano cumpre o seu décimo aniversario, é facilitar a comunicación entre Papá Noel e os nenos e nenas destas localidades, que poderán falar e interactuar con el poucos días antes da Noiteboa.
Con este tipo de experiencias, a Rede CeMIT da Xunta de Galicia busca converter estas aulas multimedia en puntos de encontro dos municipios e dar a coñecer todas as posibilidades que ofrece este tipo de espazos de comunicación e a tecnoloxía da que dispoñen.

PUBLICIDADE