Ponte Caldelas acada Internet de alta velocidade para todas as súas aldeas logo de completar o despregue en Taboadelo

venres, 17 de decembro do 2021 S. P.

O concello de Ponte Caldelas conta xa con fibra óptica en todas as aldeas do municipio, logo de que a empresa local de telecomunicacións Áurea completase na xornada deste 15 de decembro a despregadura total da súa rede de tecnoloxía FTTH (fibra até o fogar) no lugar de Taboadelo, que viña sendo, segundo confirmou a Deputación de Pontevedra, o único núcleo do municipio que non dispoñía aínda deste “servizo básico do século XXI”.
A firma de Ponte Caldelas (Áurea) ofrece ata unha velocidade de 600 Mbps reais de suba e baixada (simétricos) e, en palabras da entidade provincial “un servizo de gran calidade do que non dispoñen en moitas grandes cidades”. Este servizo está implantado xa nos 33 núcleos de poboación de Ponte Caldelas, no casco urbano e tamén no Polígono Empresarial de A Reigosa.
Como dixemos, o caso de Taboadelo foi un último en resolverse en materia de cobertura, un núcleo que viña sendo considerado como "zona branca" ao ter sido obxecto dunha subvención concedida polo Goberno de España no ano 2017 a Telefónica e que finalmente a sociedade non chegou a executar. “Unha vez finalizado o prazo”, explica a Deputación de Pontevedra, “e logo de que Telefónica non executase os traballos, a empresa local Áurea comezou de seguido a despregar fibra para dotar do servizo de alta velocidade de Internet ós veciños de Taboadelo que xa poden solicitar a alta no servizo, que é practicamente inmediata”.
O Concello de Ponte Caldelas celebrou a chegada da fibra óptica a Taboadelo, cun nivel de cobertura que equipara o municipio pontevedrés ao nivel das grandes cidades. O alcalde Andrés Díaz indicou que "vivir en Ponte Caldelas é un privilexio, xa que dispoñemos de alta velocidade de Internet, excelentes comunicacións con Pontevedra e Vigo e unha gran calidade de vida nun concello rural que, ó mesmo tempo, é un municipio vivo, activo e dinámico ó que cada vez chegan máis familias a vivir”.

PUBLICIDADE