Pontevedra acolle en maio sete obradoiros de SmartPEME

venres, 4 de maio do 2018 Redacción

A Deputación de Pontevedra vai ofrecer este mes de maio un completo programa de obradoiros TIC a través de SmartPEME, tal e como anunciamos onte dende Código Cero, facendo fincapé nas 37 accións formativas previstas para as sedes de Cambados, os viveiros de empresas de Barro, Lalín e A Estrada e as oficinas de Vigo, Ponteareas e O Porriño. A maiores, cómpre engadir os sete cursos da sede da Deputación en Pontevedra, todos co nexo común de querer botar unha man no proceso de adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital.
As quendas da cidade do Lérez son as seguintes: esta sexta feira 4 de maio, Elixe a túa plataforma de comercio electrónico, ás 17:00 horas. A seguinte semana haberá dúas accións, a primeira o martes 8 ás 19:00 horas baixo o nome de Que é o Internet das cousas? Introdución e aplicacións e, a seguinte, Descubre como funciona o certificado dixital, o teu DNI en liña o 10 de maio no mesmo horario. A seguinte quenda será o día 15 ás 19:00 horas, coa acción Novidades na Lei de protección de datos 2018, RGPD Europeo, un evento que, ademais, será retransmitido en directo para todas as persoas interesadas que non poidan asistir de maneira presencial.
O 21 de maio será a quenda de Ferramentas e Apps imprescindíbeis para o sector legal, tamén ás 19:00 horas, ao igual que Fotografía e vídeo para establecementos de turismo e hostalería, o día 23. Por último, o martes 29 de maio será a quenda de Excel avanzado I: Uso de fórmulas en follas de cálculo, de novo en horario de 19:00 horas.
Como lembraremos, a oficina SmartPEME de Pontevedra, no edificio da Deputación, atópase na Gran Vía de Montero Ríos, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal.
Novidades deste ano ao abeiro de SmartPEME
A Deputación de Pontevedra lembra que o proxecto SmartPEME comezou en 2018 afrontando unha nova etapa na súa andaina, un novo treito no que o programa verá aumentados os servizos a fornecer, abrindo tres novas grandes liñas como son o Centro Provincial de Economía Dixital (CPED), que estará situado no viveiro de empresas de Barro, SmartPEME Impulsa e TurisTIC, que se irán facendo dispoñíbeis para as persoas autónomas e empresas a partir dos vindeiros meses.
A través do Centro Provincial de Economía Dixital vaise mostrar ás empresas as ferramentas, aplicacións e solucións innovadoras máis relevantes que a economía dixital ofrece. Para iso, o CPED apoiarase nas instalacións do FabLab que a Deputación de Pontevedra ten instalado no viveiro de Barro.
Doutra banda, SmartPEME Impulsa abrirá novas vías de asesoramento en materia de innovación, competitividade e internacionalización, “unindo deste xeito os obxectivos das empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos”, explica a Deputación, engadindo que TurisTIC, como indica o seu nome, presentarase como “un punto de apoio tecnolóxico para o o sector turístico”. Trátase dun servizo enmarcado no Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas e que pretende potenciar o sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna dixital.
Datos sobre o Proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo, A Estrada e (agora tamén) Barro, abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.

PUBLICIDADE