Representantes das TIC amosan nunha xornada do CCG os camiños da literatura na docencia

xoves, 2 de xullo do 2015 Redacción

O Consello da Cultura Galega organizou hoxe unha xornada de debate sobre o papel da literatura no ensino. O encontro, que se desenvolveu en Raxoi (Santiago), centrou unha boa parte do seu programa en avaliar as posibilidades da educación literaria no fomento do espírito creativo, na capacidade de retención do coñecemento e no impulso da vontade crítica. Amais, os relatores atinxiron os camiños percorridos (e por percorrer) polo binomio novas tecnoloxías-literatura. O evento, que aínda se está a desenvolver (ten sesión de tarde), contou coa coordinación de Dolores Vilavedra e Teresa López.
A xornada arrincou cunha ollada ao marco legal no que se move o ensino da literatura, agora en pleno cambio tras a publicación este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) do currículo de lingua e literatura que entrará en vigor no vindeiro mes de setembro. Ao fío disto, Noemí Álvarez Villar, asesora de Idiomas da Consellaría de Cultura, defendeu o novo currículo amparándose no novo marco legal. “O novo currículo está moi baseado na lei anterior, a LOE, pero adaptado a un novo formato que lle marca ao profesorado unha maior concreción á hora de avaliar e ao alumnado unhas maiores competencias”.
Pola súa banda, a especialista en didáctica da lingua e da literatura da Universidade de Santiago de Compostela Isabel Fernández López fixo un estudo comparativo entre as tres grandes leis educativas: a Lei Xeral de Educación de 1970, a LOGSE de 1990 e a LOMCE de 2013, no que afecta á literatura. Nel apuntaba que diminúe a presenza da literatura no currículo e achegou as súas dúbidas sobre o temario no que deixan de ter presenza os autores e as correntes.
A xornada da mañá completouse cunha ollada empresarial e tecnolóxica. Sven Huber, co-fundador de Boolino, portal web especializado na comercialización de libros para público infantil e xuvenil, deu a coñecer o seu método, que se basea en tres piares: bos libros, un traballo de divulgación de pais e gozar da lectura. Unha metodoloxía que colle corpo, engadiu, en recomendacións, vídeos e experiencias lúdicas arredor dos libros. Lembrar que Boolino é unha start-up catalá que naceu para aprender a ler a todos os membros da familia e que xa contaba o ano pasado con máis de 70.000 títulos dispoñíbeis. Foi posta en marcha por Sven Hubler e Toni Montserrat, e consiste nunha comunidade en liña de nais e pais comprometidos co potencial da lectura no desenvolvemento educativo da nenez. Boolino é un servizo de balde mediante o cal unha nai ou pai accede aos libros polos que máis poden devecer os seus pequenos, a través dun perfil e dun recomendador. Compleméntase con Mylittlebookbox, un modelo de subscrición para que os nenos reciban cada mes unha caixa cun libro e con propostas de actividades sobre ese libro para levar a cabo en familia.
Volvendo á xornada do CCG, logo da sesión de Sven Huber, foi a quenda de Xosé Manuel Moo, coordinador de edición educativa de Edicións Xerais de Galicia, e María Yáñez, cofundadora da empresa A Navalla Suíza, un dos referentes do noso tecido tecnolóxico-dixital.
A sesión da tarde está pensada para coñecer como lle afecta a contorna dixital a este tema, coas voces de dúas persoas especialistas na materia. Dunha banda, Laura Borrás, profesora de Teoría da Literatura e Literatura Comparada (UB) e directora da Institució de les Lletres Catalanes. Da outra, José Rovira Collado, membro do Departamento de Innovación e Formación Didáctica da Universitat d´Alacant.
Pechan a cita as experiencias de Espazo Lectura, da man da súa presidenta, Concha Costas; da Editorial Galaxia, con Francisco Castro; e do Centro de Formación e Recursos de Pontevedra, con Paco Díaz, asesor de formación do ámbito lingüístico.

PUBLICIDADE