Ribadeo, finalista do concurso de Adamo para poñer en valor a vida das vilas e do rural

venres, 19 de febreiro do 2021 S. P.

Unha vista dos edificios históricos da praza maior de Ribadeo A operadora de telecomunicacións Adamo lanzou un concurso auspiciado polo presentador Jesús Calleja (o certame El pueblo más amado) para “para poñer en valor a vida rural”. Na iniciativa, convocado a nivel estatal, participaron preto dun centenar de municipios galegos, quedando de finalista Ribadeo. A localidade lucense competirá con Cintruénigo (Navarra), El Puente del Arzobispo (Toledo), Maçanet de La Selva (Xirona) e Ullastrell (Barcelona) na última fase dun certame ao que optaron preto de 1.200 poboacións.
O concello gañador, que se coñecerá o 8 de marzo, terá de balde, durante un ano, o que Adamo cualifica “da fibra óptica máis rápida do mercado (1.000 Mbps)”. Ademais, as veciñas e veciños dese termo municipal galardoado poderán beneficiarse dunha oferta especial con esta conexión a Internet de alta velocidade.
O concurso
Adamo convocou un concurso o pasado decembro para descubrir cal é “el pueblo más amado del país”. Segundo explica a operadora, non se trata de, efectivamente, dar coa localidade cuxos habitantes teñan maior sentimento pola mesma, senón que o obxectivo real da iniciativa é “lembrar e destacar as virtudes das formas de vida que se desenvolven no mundo rural”.
Preto de 1.200 participantes
“O certame está a resultar un éxito”, explica a compañía de telecomunicacións, engadindo que xa que foron presentadas até 1.163 candidaturas a través dunhas votacións en liña que concluíron o pasado 14 de febreiro. Delas, até 98 proceden de Galicia. Adamo destaca que os habitantes do municipio que resulte vencedor -farase público o 8 de marzo- beneficiaranse dunha oferta exclusiva, así como o seu concello terá un ano gratis de conexión a Internet.
Imaxes, vídeos e testemuños
Os propios veciños das localidades que concursaron, así como simpatizantes destes, puideron enviar fotos de lugares emblemáticos, bonitos ou con algunha significación: calquera imaxe que servise para ilustrar a beleza de cada sitio, a forma de vivir, a historia, a gastronomía, etc.

PUBLICIDADE