Rojadirecta bloquea o seu acceso dende España

luns, 30 de novembro do 2015 Marcus Fernández

O pasado mes de xuño un xulgado solicitou o “cesamento de emisións” da páxina web galega Rojadirecta (pese a non realizar efectivamente ningunha emisión) como medida cautelar que foi recorrida, e a semana pasada soubemos que o Xulgado Mercantil nº 2 da Coruña rexeitaba o recurso, de xeito que daba até o vindeiro 5 de decembro para que Rojadirecta cesase as súas actividades ou ordenarían aos provedores de servizo a bloquear o acceso ao servizo, e como consecuencia durante a pasada fin de semana puidemos ver como Rojadirecta era unha páxina web á que non se podía acceder dende España.
Cando entramos en Rojadirecta.me atopamos unha mensaxe na que se anuncia que “temporalmente non podemos ofrecer acceso a Rojadirecta a usuarios que se conecten dende España”, sendo a primeira vez en máis de 10 anos de actividade que o servizo ten que facer tal, aínda que continúan a loitar contra tal decisión xudicial. De todos os xeitos os usuarios que queiran acceder ao servizo o teñen relativamente doado, xa que a través de proxies, VPN ou simplemente empregando certos plugins no seu navegador web poden enganar aos servidores de Rojadirecta para facerlles crer que o usuario está fóra de España e así poder gozar dos seus contidos con normalidade.

TarjetaRojaOnline benefíciase do bloqueo

Paralelamente moitos medios de comunicación e axencias de novas como Europa Press están a dar conta de que Rojadirecta converteuse en Tarjetarojaonline para evitar o peche, o que non parece axustarse en absoluto á realidade, xa que TarjetaRojaOnline é un clon de Rojadirecta que existe dende hai tempo, e que simplemente aliméntase dos seus contidos. De feito, o rumor da transformación de Rojadirecta nesta última páxina provocou un incremento importante das súas visitas, provocándolle problemas de funcionamento durante a fin de semana, pero se atendemos ao rexistro de tal nome de dominio, aos servidores onde está aloxado e á súa estrutura resulta evidente que non estamos ante unha nova faciana de Rojadirecta, senón a unha iniciativa oportunista que pretende lucrarse doutra plataforma en liña. A propia páxina web destaca no seu pé que “non ten ningunha relación co rojadirecta.me” salientaoo que “o contido deste sitio está localizados en servidores de terceiros, providos ou transmitidos por terceiros”.

TarjetaRojaOnline.me é un clon que durante os últimos días está a aproveitar o bloqueo de Rojadirecta.me para usuarios en España

PUBLICIDADE