SmartPEME achega cinco novos obradoiros TIC a partir do 10 de abril
mércores, 5 de abril do 2023
A
Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPEME de
asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta a
semana do 10 de abril cinco novas accións formativas enmarcadas na
súa carteira de obradoiros. As accións centraranse en
ciberseguridade, protección de negocios desde a perspectiva legal,
visualización de pago en buscadores, xestión e comercialización de
vivendas e apartamentos turísticos e aparencia e imaxe persoal para
a emisión de eventos en liña de xeito profesional.
O
luns 10 ás 10:00 horas celebrarase o obradoiro Ciberseguridade,
copias de seguridade para dar a coñecer a importancia de ter os
datos apoiados cunha copia de seguridade, non só pola posibilidade
de ser vítima dun ataque informático senón tamén pola
posibilidade de incidentes como roubos, inundacións ou unha suba de
tensión na rede eléctrica. O obradoiro será impartido por Manuel
Freire, Experto Universitario en Robótica, Programación e Impresión
3D.
O
día seguinte, o martes 11 ás 11.00 horas, celebrarase o obradoiro
Queres protexer o teu negocio e destacar no mercado?. Nel, as
persoas participantes aprenderán a identificar os elementos clave
dunha marca e como rexistrala correctamente, a coñecer os diferentes
tipos de marcas e cal é a máis adecuada para o seu negocio, a
entender como funciona a propiedade intelectual e como protexer as
súas ideas e deseños e tamén a coñecer as mellores prácticas
para protexer a súa marca e evitar conflitos legais. O obradoiro
será impartido por José Manuel Sendín Rodriguez, licenciado en
Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, avogado e socio
do despacho Sistemius.
O
mércores 12, SmartPEME organiza dúas actividades. A primeira delas
será ás 12:00 horas: Google Ads, como entendelo e crear campañas
eficaces II (dando continuidade á primeira sesión, celebrada o
22 de marzo). Segundo avanza a Deputación de Pontevedra sobre esta
xornada, nos negocios converteuse en indispensábel saíren como
resultado de procuras en Google, e “para iso non é suficiente con
facer só unha estratexia de posicionamento orgánico senón crear
anuncios para alcanzar o público obxectivo”. O obradoiro será
impartido por Laura Carrera, Graduada en Publicidade e Relacións
Públicas e Postgraduada en Dirección de Comunicación Corporativa.
Xa
pola tarde, será a quenda do obradoiro Xestión e
comercialización de vivendas e apartamentos turísticos,
enmarcado no auxe do mercado de alugueiro vacacional que pode ser
unha oportunidade de negocio para persoas propietarias de vivendas e
apartamentos. O obradoiro será impartido por Sonia Torres, técnica
de Empresas e Actividades Turísticas pola Universidade da Coruña
con posgrao en Xestión e Dirección de Empresas Turísticas pola
Universidade de Santiago de Compostela.
Por
último esta semana, o xoves 13 ás 11.00 horas celebrarase a quinta
sesión do curso Como emitir o teu evento en liña de maneira
profesional, centrado na aparencia e imaxe persoal e tocando
aspectos como a presenza ante a cámara, o encadre, a comunicación
non verbal, a preparación do material, o fondo, a roupa ou a luz,
entre moitos outros. O obradoiro será impartido por Lara Taboada,
Titulada Superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico.