Starlink abandonará a súa beta en outubro

martes, 21 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Dende SpaceX levan anos traballando na creación dunha constelación de satélites de baixa altura para prover de servizos de acceso á Internet de banda larga e baixa latencia, e tras varios meses de probas, Starlink sairá en outubro da súa beta, converténdose nun servizo oficial que presume de estar a piques de conseguir unha cobertura case global.
Durante o actual período de probas aseguran que as conexións de Starlink conseguen velocidades de entre 50 e 150 Mbps e unha latencia de entre 20 e 40 milisegundos (aínda que das probas rexistradas dende Ookla no segundo trimestre de 2021 en Francia despréndense velocidades de descarga de 139,39 Mbps, de subida de 29,35 Mbps e unha latencia de 53 milisegundos), prometendo melloras de conectividade no futuro, aínda que tamén advirten que durante o despregamento desta rede de satélites haberá breves momentos nos que podería perderse a conectividade totalmente.
Para poder gozar deste servizo, para o que actualmente hai un bo número de usuarios en lista de agarda, é preciso facerse cun kit de antena parabólica, router Wi-Fi, fonte de alimentación, cables e trípode de montaxe, podendo o propio usuario realizar a instalación coa axuda dunha aplicación móbil. Este lote de instalación ten un prezo de 499 euros ao que habería que engadir os portes, mentres que o servizo está previsto que teña un prezo de 99 euros/mes, polo que estamos ante unha solución para quen queira gozar dunha conexión comparable á dun ADSL, pero en territorios aos que non chega nin a fibra óptica nin banda larga móbil, podendo converterse na solución ideal para certos enclaves rurais.
A grande vantaxe de Starlink sobre anteriores conexións de satélite é que estes satélites están 60 veces máis preto da Terra, polo que conseguen unha latencia moi inferior, conseguindo dar o servizo unicamente vía satélite cunhas condicións moi semellantes ás da banda larga ordinaria (aínda que a prezos superiores).

PUBLICIDADE