Todo listo para o comezo de GaliciaTIC 2016

mércores, 21 de setembro do 2016 Redacción

Finalmente chega a edición número 14 de GaliciaTIC. Será este xoves 22 de setembro na Cidade da Cultura de Santiago, baixo o lema Transformación dixital para unha competencia global. O gran obxectivo desta edición é, ante todo, enxergar o futuro a curto, medio e longo prazo. E facelo empregando o prisma da revolución tecnolóxico-dixital que estamos a vivir, tentando atopar as máis axeitadas fórmulas para impulsar o noso desenvolvemento produtivo e social. Segundo informa a organización, GaliciaTIC será unha boa oportunidade para o devandito, de feito o evento “é un referente galego e estatal nos avances TIC e no debate sobre a revolución dixital”. Será inaugurado ás 9.30 horas pola directora da axencia AMTEGA, Mar Pereira, e os organizadores Giovanni Giardina, da asociación Ineo, e Miguel Merino, director de GaliciaTIC.
Entre os patrocinadores confirmados do evento atópanse Banco Sabadell, Deloitte, Edisa, Emetel, Fujitsu, Imatia, Itelsis, Ayco, Qindel, Oracle, Televés, Hewlett Packard Enterprise, CouncilBox e UNProject. Haberá relatorios, mesas temáticas e actividades de achegamento ás últimas tendencias TIC mundiais, amais dunhas innovadoras xeiras de debate tecnolóxico con formato de ring de boxeo.
Amais dos devanditos apoios, contarase co respaldo do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a asociación Ineo (asociación galega de empresas tecnolóxico-dixitais), o Centro Tecnolóxico Gradiant, o Centro de Investigación TIC da Coruña (CITIC), a Universidade de Vigo e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA. Por certo que a maiores das ditas entidades colaboradoras nas xornadas pasadas sumáronse os de GoEmprende (Rede Business Angels de Castela A Mancha) e MyAngelTIC (rede de investidores de proxectos innovadores e tecnolóxicos).
Respecto do programa, a inauguración correrá a cargo de Mar Pereira, directora de AMTEGA. Contarase para a sesión oficial de apertura de actividades (prevista para as 9.30 horas) coa presenza de Giovanni Giardina (asociación Ineo) e Miguel Merino (Universidade de Vigo).
A continuación Futijsu falará de Os retos do Big Data e a Transformación Dixital Auditorio, e, un pouco máis tarde Deloitte debullará a seguinte cuestión: Os retos da transformación dixital dende o punto de vista da ciberseguridade. Podemos ver o programa por enteiro, en todos os seus detalles, accedendo a www.galiciatic.com/programa2016.

PUBLICIDADE