Un encontro aborda o rol da tecnoloxía no turismo, a cultura e o deporte

martes, 4 de xuño do 2024 Redacción

A xornada Horizontes Dixitais: Innovación en Turismo, Cultura e Deporte reuniu, esta mañá no centro GaiásTech a profesionais e expertos dos tres sectores para abordar os retos e desafíos da transformación dixital. O encontro foi inaugurado polo director de Área de Sociedade Dixital da AMTEGA, Miguel Rodríguez; o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; e o director-xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel.
O director de Área de Sociedade Dixital lembrou que unha das iniciativas da Estratexia Galicia Dixital 2030 é a configuración dun territorio intelixente, que facilitará a toma de decisións e a xestión, tanto dos servizos públicos como doutros ámbitos como o cultural, ou o turístico. Miguel Rodríguez sinalou que a pedra angular desta iniciativa, a Rede ICousas, xa está en funcionamento e que ten capacidade para instalar ata 300.000 sensores no territorio, o que permitirá captar grandes cantidades de datos.
O director de Turismo destacou a recente licitación do Observatorio de Sostibilidade, baseado na análise de datos e lembrou que o turismo é un dos sectores que máis participa no desenvolvemento tecnolóxico. Tamén, salientou a importancia que a dixitalización terá na futura Estratexia de Turismo de Galicia 2024-2030, na que a Xunta está a traballar.
Pola súa banda, o director-xerente da Fundación Deporte Galego puxo en valor o uso de aplicacións para a xestión ordinaria das relacións do ámbito deportivo coa administración e anunciou a creación dunha plataforma para acoller o censo de instalacións deportivas con utilidades como a xeolocalización.
Tras a inauguración, o CEO de Neuromobile, Raúl Serapio, recoñecido como uns dos 100 directivos máis creativos pola revista Forbes en 2022, foi encargado da conferencia inicial. A xornada continuou cos debates das tres mesas redondas, unha por sector, e completouse cunha demostración de olería orixinal.

PUBLICIDADE