Un traballo sobre sexismo nos medios dixitais galegos obtén o Premio Ángeles Alvariño da UDC

martes, 21 de novembro do 2023 S. P.

A graduada en Xestión Dixital de Información e Documentación, Patricia López Bellas, vén de gañar o primeiro premio do XI Concurso de Traballos Académicos con Perspectiva de Xénero Ángeles Alvariño que promove a Oficina para a Igualdade de Xénero da Universidade da Coruña. O seu traballo de fin de grao, titulado Mulleres na prensa: análise de sexismo de novas sobre maltrato e dirixido pola profesora da Facultade de Humanidades e Documentación, María Elena Alfaya Lamas, acadou o primeiro galardón na categoría de Artes e Humanidades. Como explica López Bellas, no seu traballo de fin de grao analiza un total de 30 novas sobre violencia machista publicadas nas edicións dixitais dos xornais galegos La Voz de Galicia e Faro de Vigo. A ex-alumna do Campus Industrial de Ferrol realizou unha análise comparativa entre as dúas cabeceiras para poder identificar similitudes e diferenzas en tratamento informativo da violencia de xénero. Amais, centrou o seu interese no contido desas 30 novas seleccionadas para tentar identificar outro tipo de patróns máis complexos como poden ser o ton e a actitude da nova cara as vítimas e as persoas agresoras, a presenza de estereotipos de xénero ou mesmo a inclusión de testemuños de persoas expertas nesta temática.
Entre as conclusións do seu traballo fin de grao, López Bellas salienta a necesidade de “mellorar a formación dos e das profesionais que integran as redaccións dos dous xornais en cuestións de xénero” e subliña que “o uso de determinados datos e informacións tales como a nacionalidade, a idade ou a situación social tanto da vítima como da persoa agresora son claros estereotipos de xénero que, en ocasións, poden desvirtuar o relato e atenuar certas responsabilidades”. Do mesmo xeito, a antiga alumna da Facultade de Humanidades e Documentación incide en como os medios priorizan as agresións físicas fronte outros tipos de violencia como pode sen a psicolóxica, a económica ou a social “facendo referencia a agresións verbais, ameazas ou insultos, considerados todos eles como delitos menores.”
Traballos académicos con perspectiva de xénero
A Oficina para a Igualdade de Xénero, dependente da Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña, convocou o XI Concurso de Traballos Académicos con Perspectiva de Xénero Ángeles Alvariño co obxectivo de incentivar a realización de traballos académicos que inclúan a perspectiva de xénero por parte do alumnado de grao e de máster.
O xurado seleccionou os dous mellores traballos de fin de grao e os dous mellores traballos fin de máster nas categorías de Artes e Humanidades, Ciencias e Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura. O primeiro premio de cada unha das categorías recibirá un cheque por valor de 800 euros e o seu correspondente diploma acreditativo. Pola súa banda, as persoas galardoadas co segundo premio recibirán 200 euros xunto co xa citado diploma acreditativo.

PUBLICIDADE