Unha actividade formativa emprega a impresión 3D contra a discapacidade intelectual

luns, 9 de outubro do 2023 Redacción

Alumnos da aula CeMIT de Ortigueira participaron nunha actividade formativa de tres días na que elaboraron obxectos adaptados a persoas con discapacidade con impresión 3D. O material elaborado foi entregado á Asociación Pro Minusválidos do Ortegal (ASPROMOR), que traballa con persoas con discapacidade intelectual.
Os participantes nesta formación crearon, mediante impresión 3D, diferentes obxectos destinados a facilitar as tarefas cotiás de persoas con discapacidade intelectual tales como agarrar unha culler, atar as cordas dos zapatos ou extraer a pasta do tubo dentífrico.
O obxectivo destas xornadas, ademais da creación dos materiais adaptados, era facer fincapé na importancia de formar á cidadanía en tecnoloxías como a impresión 3D e as súas posibles aplicacións, neste caso cun fin social. A impresión 3D facilita a creación, dun xeito sinxelo, a un custe moi baixo e nun tempo mínimo, dun material adaptado ao que, doutro xeito, tanto persoas con discapacidade como as súas familias terían complicado acceder.
Con esta iniciativa búscase que esta experiencia serva de punto de partida para outras colaboracións similares con outras asociacións e localidades galegas, contando coas capacidades, tanto humanas como técnicas, da Rede CeMIT.
Esta formación enmarcase nas actividades que se están a desenvolver grazas á dotación de novo material tecnolóxico á Rede, tras distribución este ano de máis de 1.300 dispositivos entre impresoras 3D, kits de robótica, drons ou gafas de realidade virtual e kits de placas de comunicación e programación.

PUBLICIDADE