Vitae e SSTQB amosan recursos para optimizarmos o desenvolvemento de programas

martes, 9 de maio do 2017 Redacción

Vitae, consultora tecnolóxica galega centrada en ofrecer aos nosos profesionais formación avanzada sobre ferramentas e metodoloxías dixitais, vai argallar os vindeiros días na Coruña un evento formativo de balde sobre calidade de software. A cita será o 24 e o 25 de maio, e conta na organización co Comité Español de Empresas de Probas de Software (SSTQB). Segundo explica Vitae, as sesións vainos fornecer de conferencias de provedores de formación e de membros do devandito comité, todos eles certificadores do ISTQB (International Software Testing Qualification Board), que é a entidade internacional representada no ámbito español polo SSTQB. A cita na Coruña (no Hotel Meliá María Pita) é a segunda etapa da xira estatal do Comité programada para este ano 2017. O SSTQB, para quen queira máis información, habilitou na súa web un apartado con todos os datos sobre estas importantes xornadas de traballo, incluída a axenda de actividades.
Polo que se refire ás accións concretas de cada xornada, o día 24 levarase a cabo unha sesión preparatoria para o exame de Probador Certificado – Nivel Básico do ISTQB. Ao rematar a sesión, celebrase unha proba en formato en liña a cargo de iSQI, o provedor de exames da entidade SSTQB. A asistencia á sesión preparatoria é libre e gratuíta. Segundo informa Vitae, o exame non é obrigatorio e ten un prezo de 150 euros, IVE non incluído.
Durante a mañá do día 25 iranse desenvolvendo os relatorios a cargo de provedores de formación, membros, membros de soporte e convidados do SSTQB. O rexistro, novamente, é de balde e libre.
Na tarde da segunda xornada de actividades realizaranse obradoiros da man (unha vez máis) de provedores de formación, membros, membros de soporte e convidados do SSTQB.
O obxectivo deste encontro é presentar ante o noso tecido empresarial o profesional o Comité Español de Empresas de Probas Software e á súa comunidade, expoñer a importancia do proceso de proba no ámbito do ciclo de vida de desenvolvemento dun produto software, en palabras de Vitae “cun marcado carácter práctico”, e dar a coñecer as iniciativas coas que se busca consolidar o SSTQB como un centro de colaboración entre empresas e institucións.
Horarios
As conferencias e relatorios, como dixemos, están previstas para o 25 de maio. A hora de inicio de rexistro é ás 8.30 horas, estando previsto para as 9.00 o inicio das actividades. Por certo que a partir das 14.15 e até as 15.30 horas farase unha pausa para celebrar un cocktail cos participantes no evento. Polo que se refire aos obradoiros (talleres), darán comezo ás 15.30 horas e cunha extensión que dependerá das actividades prácticas e do desenvolvemento de cada obradoiro.

PUBLICIDADE