Vodafone quere velocidades básicas de 100 Mbps no mercado da FTTH

mércores, 3 de setembro do 2014 Redacción

Antonio Coimbra, CEO de Vodafone España

A operadora Vodafone vén de amosar a súa arela de acadar un mercado da fibra para o fogar FTTH (Fiber To The Home) que achegue ofertas de entrada con velocidades de 100 Mbps. Segundo fixo saber o director executivo (CEO) de Vodafone España, Antonio Coimbra, outro dos grandes obxectivos da compañía para o mercado estatal é contribuír á consecución dun mercado onde exista un produto minoritario de 1 Xbps. Estes e outros datos foron achegados por Coimbra durante o transcurso da nova edición (a 28) do Encontro das Telecomunicacións e a Economía Dixital que se está a celebrar estes días en Santander.
Unha boa parte das súas declaracións xiraron arredor da fibra para o fogar FTTH e dos obxectivos claros da compañía de seguir avanzando nesta tecnoloxía. Ao seu xuízo, Vodafone entende que estas solucións de banda larga fixa serán en boa medida o gran alicerce da Sociedade da Información do futuro inmediato, sobre todo grazas aos esforzos que están a despregar neste senso as grandes compañías do sector en España. Asemade, fixo saber que a súa empresa desexa completar a súa rede de fibra naquelas zonas nas que Ono (recentemente adquirida por Vodafone) non fornece cobertura. O que se buscaría sería acadar a cifra de 10 millóns de domicilios e establecementos comerciais pasados por fibra a finais de 2015. Todo isto, engadiu Coimbra, porá aos usuarios en disposición de gozar de ofertas de entrada con velocidades de até 100 Mpbs.
Polo que respecta á FTTH, segundo as súas siglas en inglés Fiber To The Home, lembrar que se trata dunha tecnoloxía de rede telecomunicacións baseada na fibra óptica chamada FTTx. Esta rede, que se achega nunha dispersión e cobertura en árbore, presenta un ensarillado tecido de pólas que dan servizo a áreas concretas. Cada árbore está deseñada para cubrir espazos con arredor de 256 clientes. Esta tecnoloxía é un paso adiante do par de cobre e fornece telefonía, internet e televisión por fibra óptica a velocidades moito maiores có ADSL e sen as limitacións de distancia desta tecnoloxía.

PUBLICIDADE