Wekab e Cabomar amosan na Rede a súa frutífera relación coas TIC

luns, 17 de outubro do 2016 Redacción

Juan Diego Pereiro, de Wekab, falando da experiencia da empresa no ámbito das TIC

As nosas empresas empregan cada vez máis as novas tecnoloxías e para amosar as súas vantaxes (aquilo no que, punto por punto, a súa actividade viuse beneficiada), prosegue adiante a divulgación levada a cabo na Rede polo Centro Demostrador TIC de AMTEGA. Trátase do ciclo de vídeo-experiencias TIC posto en marcha pola axencia na canle de seu en YouTube, unha aproximación audiovisual á realidade das nosas empresas na era dixital que vén de recibir dúas novas achegas: a de Wekab (plataforma especializada en formadores e expertos do ámbito da formación para o emprego) e a de Cabomar (empresa situada en Marín especializada en produtos do mar conxelados tanto ao natural como elaborados).
Wekab fálanos no seu vídeo do emprego de diversas solucións na nube, como servizos de CRM, mercadotecnia a través de correo electrónico ou de xestión de documentos. No caso de Cabomar, os seus responsábeis narran a súa experiencia coa utilización dun sistema de capturas en planta para controlar o proceso e mellorar o sistema produtivo.
Este ciclo, que ten previsto publicar un total de 12 vídeo-experiencias, ten como obxectivo impulsar o emprego dixital e as novas tecnoloxías a través de casos de éxito reais de empregas galegas.
Até o de agora, un total de oito PEME amosaron xa o proceso e as vantaxes de incorporar solucións tecnolóxicas nos seus modelos de negocio. Segundo lembra o Centro Demostrador TIC, “trátase de pezas breves en formato de entrevista, nas que unha persoa da empresa conta en primeira persoa que tipo de solución TIC integrou de maneira satisfactoria no seu negocio e como favoreceu a mellora e o bo funcionamento deste”.

PUBLICIDADE