Xa está aberta a convocatoria para participarmos no proxecto de impulso TIC galego-portugués: NACCE

venres, 27 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

Integrantes do CCG, o Centro de Computação Gráfica, Investigação & Desenvolvimento Tecnológico de Guimarâes, unha das entidades que traballa no programa

Existen puntos febles no noso tecido tecnolóxico-dixital, sobre todo no que se refire a colaboración con empresas que nos son ben próximas, xeograficamente falando, pero que a nivel de actividade están, por desgraza, moito máis lonxe do que terían que estar: as PEME do Norte de Portugal. Afianzar ligazóns entre os dous países irmáns de cara ao impulso do empresariado TIC e, sobre todo, fomentar a innovación en ámbalas beiras do Miño, é un dos grandes obxectivos do Proxecto NACCE, unha iniciativa que vimos seguindo dende a súa orixe e que, segundo nos conta hoxe o Cluster TIC, xa ten aberta a convocatoria para participarmos nela.
O Proxecto NACCE, Núcleo de Apoio á Concorrencia e á Creación de Empresas TIC, é unha iniciativa europea cofinanciada polo Programa de Cooperación Territorial España-Portugal 2007-2013.
A apertura da convocatoria para inserirnos no seu seo refírese a traballar nas seguintes actividades: xestión de proxectos de colaboración entre empresas (PEME) do sector das novas tecnoloxías da información das dúas beiras da fronteira, busca de novos mercados para os nosos negocios tecnolóxico-dixitais e máis creación de novas iniciativas e liñas de estratexia.
Nas actividades previstas participarán tódolos beneficiarios do programa, impulsado pola Consellería de Traballo e por entidades como AGESTIC, a Cámara de Comercio e a Universidade de Vigo, a Asociación Empresarial AIMINHO ou o Centro de Computación Gráfica de Portugal en Guimarâes, entre outras.
Segundo se fixo saber nunha das xeiras de presentacións do programa, NACCE vai permitir a formación e asesoramento a 150 PEME no desenvolvemento de proxectos comúns, a formación doutros 150 emprendedores e 50 empresas en materia de posta en marcha dunha actividade TIC ou de novas liñas de negocio, a posta en marcha de varias ferramentas para difundir o coñecemento e asesoramento nesta materia e a celebración de 20 mesas de traballo sobre a creación de empresas TIC.
NACCE consiste nunha plataforma colaboradora para a creación de empresas TIC, unha rede integrada por socios e colaboradores que potenciarán a formación e asesoramento de PEME transfronteirizas co fin de ampliar a cifra de negocios e impulsar o seu medre, para o que crearase unha rede baseada en tecnoloxías web 2.0, que actuará como catalizador para o avance do sector ofrecendo os apoios e ferramentas necesarios para a internacionalización, o fomento do espírito empresarial e a orientación para implantar novas iniciativas.

PUBLICIDADE