Xornal.com convida aos internautas a propoñer o mellor xeito de promover o galego

mércores, 15 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

Xornal.com vén de poñer en marcha unha iniciativa encamiñada a renovar na medida do posible as canles empregadas decote para a promoción do galego. Ou sexa: para quitar dos nosos miolos a idea de que a lingua unicamente se impulsa con documentos oficiais, en canto máis oficiais mellor. Con este obxectivo de crear un obradoiro en liña de experimentación sobre como relanzar o uso da lingua, Xornal.com está a pedir a axuda das/os lectores-internautas. A intención é mobilizalas/os para que dean conta na web do dito medio de cal sería o seu xeito ideal de amosar o amor e respecto pola lingua. Equipo humano para comezar o traballo semella que non falta: tres millóns de galegas e galegos e outras tantas maneiras de falar e querer ao seu idioma.
Con este fin, Xornal.com xa abriu un espazo para recoller propostas e impresións, amais de manter aberto, co mesmo obxectivo, a conta de correo tresmillonsdeideas@xornaldegalicia.com. Por certo que segundo contan os organizadores, non haberá límite para a imaxinación (sempre e cando se respecten persoas, empresas ou institucións). “Hai moitos xeitos de defender a lingua”, sinala o xornal, “Tantos como galegos e galegas hai en Galicia e fóra de Galicia... Tres millóns de ideas comezando pola túa”.

PUBLICIDADE