A tramitación do eDNI segue a dar problemas en Galiza, con fileiras de até 50 metros

xoves, 23 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

O DNI dixital estase a converter no pesadelo de verán de moitos galegos, sobre todo tendo en conta o lento que semella a día de hoxe o proceso de expedición nas oficinas da nosa terra. De pouco vale falar das súas vantaxes, do que nos pode axudar a facer trámites de tipo administrativo ou comercial, cando cómpre agardar en fileiras de máis de 50 metros para acadar a nova tarxeta dixital, segundo informa estes días A Voz. Non hai cidade galega que se libre destes atrancos: nin Vigo, nin Pontevedra, nin Lugo, nin Ourense. E, seguindo cos datos do xornal galego: nin sequera estar presente a primeira hora da mañá perante as oficinas da Policía Nacional co fin de acadar un sitio preferente asegura a obtención de número.
O problema vén de lonxe, pero non tanto. Habería que remontarse a este intre, en outono de 2006, cando finalmente chegou a Galiza a nova tarxeta identificativa, a dixital, a que nos aforrará dunha vez por todas a fotocopia do documento e a viaxe inevitable cara ás oficinas administrativas correspondentes.
Segundo se ten informado dende sindicatos como Comisións Obreiras, a tramitación do eDNI require dunha serie de coñecementos específicos que requiriron de tarefas de formación previas entre o persoal encargado. Tarefas completas e exhaustivas que, a xulgar polo que estivo a pasar os meses pasados e que agora se repite con máis intensidade (debido a que hai persoal de vacacións), non deberon ser nin completas nin exhaustivas. Resultado? As longas ringleiras que se poden ver dende hai meses nas nove oficinas de Galiza onde se expide o eDNI. Ringleiras que, nalgúns casos, comezan a formarse antes incluso de que abran as oficinas policiais, ás nove da mañá. Estas son as dependencias galegas onde, armados de paciencia e bo talante, podemos obter o novo documento: Lonzas e Alférez Prosional na Coruña, San Amaro en Ferrol, Pitelos en Santiago, Joaquín Costa en Pontevedra, Luís Taboada e López Mora en Vigo, Polígono das Lagoas en Ourense e rúa Chantada en Lugo.
Na imaxe, cidadáns tratando de anovar o DNI vistos na Voz

PUBLICIDADE