A UVigo busca novos talentos youtubers de divulgación STEM

mércores, 22 de maio do 2024 S. P.

A Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo convoca o 3º concurso de vídeos Youtubers científicos. Esta iniciativa, que se enmarca dentro do plan anual Ciencia de ida e volta, coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología-Ministerio de Ciencia e Innovación, busca potenciar a capacidade de divulgación e comunicación social da ciencia por parte do persoal investigador da institución. O obxectivo é que, a través dun audiovisual de breve duración, as persoas participantes dean visibilidade ao seu traballo ou a outro contido de carácter científico ou tecnolóxico que consideren de relevancia para a cidadanía.
Os vídeos, que deben ser “divulgativos e amenos”, poden presentarse ao certame dende hoxe martes ata o vindeiro 5 de xuño. No referido ao formato, deben estar en MP4, gravados en horizontal e cunha duración máxima de dous minutos e poden estar tanto en galego como en castelán. Na súa elaboración, o persoal investigador poderá empregar toda clase de elementos que enriquezan o contido, o ilustren ou axuden a captar a atención da audiencia e non se poderán presentar traballos realizados por profesionais, axencias ou difundidos ou publicados con anterioridade á data do concurso.
Unha vez pechado o prazo de recepción, os vídeos subiranse á canle de YouTube da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo, para a súa difusión e valoración por parte do público, que será o encargado de elixir unha das dúas propostas gañadoras. A outra será seleccionada polo xurado e ambas recibirán como premio cadanseu kit de produtos de iniciación para vlogging, valorado en arredor de 400 euros. O premio do público será para o vídeo que obteña máis gústame e estas votacións estarán abertas entre o 6 e o 10 de xuño de 2024. A decisión do xurado, que se anunciará o 14 de xuño, atenderá a criterios relacionados co contido, a creatividade e a calidade técnica das pezas audiovisuais.
As propostas deben enviarse a ucc@uvigo.gal indicando no asunto: Participación no concurso de vídeos Youtubers científicos. No corpo do correo será necesario indicar o nome e apelidos completos, DNI e un teléfono de contacto. As bases poden consultarse na web da UVigo.

PUBLICIDADE