O Plan ÚNICO levará a fibra óptica a 3.364 vivendas e empresas de Sanxenxo

mércores, 22 de maio do 2024 S. P.

O plan Único-Banda Larga do Goberno estatal prosegue o seu proceso para achegar cobertura de fibra óptica e Internet ultrarrápida en toda a xeografía galega. A semana pasada o subdelegado do Gobierno, Abel Losada, fixo balance dos traballos en Pontevedra, con motivo dunha visita a Dorrón, Sanxenxo. Acompañado do tenente de alcalde Marcos Guisasola e da concelleira María Deza, Losada agradeceu a colaboración dos 61 concellos da provincia e da Deputación no avance da conectividade.
Desta volta visitou as obras que está a executar a empresa Avatel, concesionaria da convocatoria da subvención estatal do Plan ÚNICO 2022-2023. Ao acto asistiu tamén o delegado da empresa Juan Manuel González, quen explicou que ao longo dos próximos meses garantirá a conexión con fibra ata o fogar (tecnolóxica FTTH) cun mínimo de 300 Mbps dun total de 3.364 unidades inmobiliarias (vivendas ou empresas). A empresa está a traballar agora mesmo nun eixo que percorre Sanxenxo, Poio, Pontevedra (Lérez), Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade.
Non concello de Sanxenxo, en concreto, quedarán conectadas cara finais de xuño un total de 700 unidades inmobiliarias e ao longo do ano un total de 1.064. Os cálculos indican que outras 900 vivendas e/ou empresa de Poio beneficiaranse da conectividade e o resto pola zona da parroquia de Lérez en dirección a Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade a partir da Piolla.
Abel Losada destacou que a Subdelegación do Goberno está a realizar un labor de coordinación entre as tres empresas que recibiron subvencións estatais para a despregadura do plan na provincia (Telefónica, Avatel e Rede Aberta) e que deben finalizar os traballos antes de decembro de 2025. O Goberno, ademais, lembrou o subdelegado, “garante a conectividade a través de ligazón satélite co Hispasat ás vivendas ás que sexa imposible chegar co tendido da fibra óptica”.
O subdelegado lembrou tamén que as subvencións do Plan ÚNICO-Banda larga están focalizadas a garantir a cobertura nas chamadas “zonas brancas”, é dicir, aquelas con menor interese comercial e que non estaban asignadas a ningunha operadora.
Programa ÚNICO na provincia
O Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión (UNICO) é a iniciativa marco desenvolvida polo Goberno de España ao amparo do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para universalizar o acceso á banda larga ultrarrápida e a extensión da tecnoloxía 5G en todo o territorio.
Cun investimento superior aos 25 millóns de euros na provincia, as empresas adxudicatarias das tres convocatorias lanzadas no marco deste programa xa conectaron un total de 623.000 empresas e vivendas da provincia á fibra óptica de alta velocidade, o que supón que un 91% das unidades inmobiliarias de toda a provincia xa dispoñen de conexión a Internet ultrarrápida.
Espérase que antes de decembro de 2025, data na que finaliza o programa, estean conectadas o total das 682.000 unidades inmobiliarias da provincia de Pontevedra que ata hai tres anos non contaban con acceso a esta tecnoloxía.

PUBLICIDADE