A Noite do CPEIG reivindica a “forza transformadora” da informática para crear un mundo mellor

venres, 21 de xuño do 2024 S. P.

O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou este venres 21 de xuño a súa XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia cunha cea de gala no Hotel OCA Puerta del Camino en Santiago na que se entregaron os premios anuais da profesión. Asistiron máis de 400 convidados ao evento TIC referente de Galicia, entre representantes do ámbito empresarial, da Administración Pública, do ámbito universitario e profesionais do eido tecnolóxico.
Foron catorce as distincións anuais que se entregaron hoxe na gala, premios que corresponden a diversas categorías onde os colexiados/as recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. O ecosistema empresarial Ipglobal Tech Hub; a aplicación Cluber, de dixitalización de clubes deportivos; a enxeñeira informática Cristina Vázquez, CEO de Teimas; a responsábel da área de Datos Global en Inditex, Olaia Vázquez; o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), pola organización da ECAI 2024 (European Conference on Artificial Intelligence); a empresa Tarlogic; a compañía Denodo; o programa educativo First LEGO League España; o Grupo Nueva Pescanova, pola integración da plataforma IBM Food Trust que garante a rastrexabilidade dos produtos do mar; o Centro de Estudos de Seguridade (CESEG), polo seu traballo investigador sobre a manipulación informativa; Cruz Vermella, Alexa e Amazon Web Services, pola súa colaboración en diversos proxectos que contribúen a reducir o illamento e a soidade non desexada das persoas; a Asociación Europea para a Transición Digital, pola súa proposta do Pacto de Estado para protexer aos menores de idade en internet e redes sociais; o enxeñeiro informático Manuel Framil; as empresas Ednon e Fortinet; a Xunta de Galicia, pola integración da Intelixencia Artificial (IA) na Administración Autonómica galega; e a matemática e directora do Observatorio Nacional de Tecnología y Sociedad (ONTSI), Rosa Díaz Moles; son as persoas, organismos e entidades distinguidas.
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, felicitou a todas e todos os premiados merecedores do recoñecemento da Noite, “un evento no que celebramos a nosa paixón compartida pola tecnoloxía, o talento, a innovación e a ética” que son a base da comunidade tecnolóxica galega. Tamén agradeceu a colaboración de todas as entidades e persoas que fixeron posíbel a gala e que á súa vez contribúen a que Galicia sexa un referente no ámbito da informática. “Celebramos os avances tecnolóxicos, os logros da nosa comunidade e o impacto profundo e positivo que a tecnoloxía ten na sociedade”, destacou.
Suárez argumentou que a informática non é só unha disciplina técnica, senón que tamén é unha forza transformadora que “está revolucionando eidos tan diversos como a medicina, a educación, a agricultura e a industria, dando forma a un mundo mellor e máis xusto a través do seu espírito emprendedor, corazón da industria tecnolóxica xeradora de centos de empregos e millóns en facturación”.
Sobre a IA, Fernando Suárez lembrou que unha gran maioría aínda se resiste ao cambio e alerta sobre os seus perigos, riscos e inexactitudes, pero sinalou que os tecnólogos non poden permitir que se alimente esta cultura negativa. “O maior risco é que España e Europa non lideren a IA e que, en lugar de democratizar o seu uso, acabe por converterse en patrimonio dunhas poucas empresas que utilicen o seu enorme potencial en beneficio propio. O impacto da IA na modernización das nosas empresas e sectores clave será fundamental. Fronte ao pesimismo e negativismo ilustrado, necesitamos dar resposta a algúns retos e desafíos fundamentais”, sinalou, lembrando (malia todo) que “un gran poder implica unha gran responsabilidade”, e indicou que no caso da IA os profesionais TIC deben asegurarse de que estes avances sexan accesíbeis para todos e se empreguen de maneira ética e xusta. “É responsabilidade dos profesionais da informática guiar o seu desenvolvemento e implantación para que realmente beneficien á sociedade no seu conxunto, compartindo coñecementos, colaborando en proxectos de código aberto e traballando xuntos para atopar solucións aos grandes desafíos da nosa época. Como axentes do cambio, o fin é crear un ecosistema tecnolóxico que promova o benestar, a equidade e o desenvolvemento sustentable da nosa sociedade”.
Esta décimo sexta edición foi inaugurada polo presidente do CPEIG e contou coa asistencia de conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo; o director xeral do Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE), Félix Barrio; o director xerente do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Lois Orosa; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; e o alcalde de Ames, José Blas García; así como outras personalidades e representantes do sector TIC galego que exerceron como patrocinadores do evento e as colexiadas e colexiados do CPEIG.
A gala estivo conducida por Fede de Juan, imitador, humorista e guionista de longa traxectoria en diferentes medios de comunicación españois, e contou coa actuación do músico portugués Nuno Louro que versionou hits de grandes bandas e artistas do panorama musical. A Noite finalizou cun espectáculo sorpresa, un show luminoso con 150 drones que sucaron o ceo de Santiago, único e sen precedentes en Galicia.

Os galardóns

· Premio Ada Byron, dirixido a mulleres enxeñeiras en Informática
A enxeñeira informática Cristina Vázquez, recibe esta distinción polo seu liderado ao fronte de TEIMAS (CEO da compañía), empresa punteira galega na aplicación da tecnoloxía á xestión de residuos, co seu correspondente impacto positivo na sustentabilidade, na concienciación medioambiental e na exportación de coñecementos e servizos de Galicia cara o mundo.
· Premio Iniciativa Emprendedora
Esta distinción foi ex aequo para o ecosistema empresarial Ipglobal Tech Hub e a app Cluber de dixitalización de clubes deportivos, ambas con sede na Coruña:
-Ipglobal Tech Hub participou desde 2015 en máis de 12 empresas, xerando máis de 300 postos de traballo de maneira directa e alcanzando unha facturación acumulada superior aos 22 millóns de euros o pasado ano.
-A aplicación de Cluber, firma que forma parte do ecosistema de Ipglobal Tech Hub, dixitaliza a máis de 1.000 clubes en toda España, con máis de 700.000 deportistas usuarios.
· Premio Traxectoria Profesional
A distinción recaeu en Olaia Vázquez, responsable da área de Datos Global en Inditex, pola súa sobresaínte carreira na “que demostrou un compromiso excepcional coa excelencia e a innovación durante máis de dúas décadas de servizo no sector tecnolóxico”.
· Premio Especial CPEIG
-Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela (CiTIUS) pola organización da ECAI 2024 (European Conference on Artificial Intelligence), un dos eventos máis importantes do mundo en intelixencia artificial que se celebrará en Santiago de Compostela do 19 ao 23 de outubro de 2024, convertendo á cidade e a Galicia nas capitais mundiais da intelixencia artificial.
-Tarlogic, empresa de referencia en ciberseguridade que presta servizo a gran parte das empresas cotizadas do país e a grandes compañías en Europa, Estados unidos e Oriente Medio, recibe esta distinción. Foi fundada en 2011 nun pequeno local de Teo e actualmente conta cun equipo de 130 persoas nas súas sedes de Santiago e Madrid
· Premio Iniciativa Empresarial
O galardón concédese a Denodo, líder mundial en virtualización de datos, nacido como un proxecto de investigación na Universidade da Coruña. Con sede en Palo Alto (California), ten presenza no mercado a nivel mundial a través de 30 oficinas establecidas nos principais núcleos empresariais, con tres centros técnicos globais situados en India, na Unión Europea e en EE.UU., e cun equipo directivo diverso e distribuído xeograficamente por todo o mundo.
· Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino
O recoñecemento foi para FIRST® LEGO® League España, programa educativo para fomentar vocacións tecnolóxicas entre os máis novos. Mediante experiencias de aprendizaxe baseadas en programación e robótica educativa, os máis novos traballan por equipos. A través do desenvolvemento dun proxecto de innovación e a construción e deseño dun robot, o programa busca recoñecer o esforzo e os logros dos máis pequenos nas áreas STEM.
· Premio Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS)
Grupo Nueva Pescanova é a compañía distinguida nesta categoría pola integración da plataforma IBM Food Trust, que garante a trazabilidade dos produtos do mar.
· Premio Iniciativa da Administración
A distición recaeu no Centro de Estudos de Seguridade (CESEG), un centro mixto de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Ministerio de Defensa do Goberno de España, polo seu traballo investigador sobre a manipulación informativa.
· Premio e-Inclusión
Cruz Roja, Alexa e Amazon Web Services reciben esta distinción pola súa colaboración en diversos proxectos que contribúen a reducir o illamento e a soidade non desexada das persoas.
· Premio Colaboración Interadministrativa
Esta distinción concédese a Asociación Europea para a Transición Digital pola súa proposta do ‘Pacto de Estado para protexer aos menores de idade en internet e redes sociais’.
· Premio Traballo Fin de Máster
O gañador foi Manuel Framil polo desenvolvemento dunha ferramenta que mellora a produtividade á hora de traballar con tecnoloxías serverless ou de computación sen servidor. Os finalistas foron Adrián Xuíz, pola ferramenta VirManDC de monitorización de centros de datos mediante tecnoloxía holográfica, e Diego Ramil, que creou unha aplicación para extraer información do videoxogo Temtem e visualizalo a través dun mapa interactivo.
· Premio Colexiada/o de Honra
O recoñecemento recaeu na matemática e directora do Observatorio Nacional de Tecnología y Sociedad (ONTSI), Rosa Díaz Moles, pola súa sólida experiencia no sector TIC, con máis de 20 anos de traxectoria tanto no ámbito privado como no sector público estatal.
· Premio 16º Aniversario CPEIG
Ednon e Fortinet, compañías tecnolóxicas distinguidas con este recoñecemento polo seu apoio continuado á NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia.
· Premio Impulso Dixital Galicia
Recibe a distinción a Xunta de Galicia pola integración da intelixencia artificial (IA) na Administración Autonómica galega.

Vídeo coa retransmisión en directo da gala

PUBLICIDADE