A Secretaría Xeral de Lingua dá continuidade e amplifica a actividade de neofalantes.gal

martes, 4 de xuño do 2024 S. P.

A Secretaría Xeral de Lingua anunciou novas medidas para conectar directamente coa xente nova e contribuír á conservación do galego de cara ás xeracións vindeiras. Estas medidas, fortemente apoiadas no plano dixital (a través, por exemplo, dun fortalecemento de www.neofalantes.gal), foron debulladas este 4 de xuño polo principal responsábel da secretaría, Valentín García, quen explicou que se trata de tirar proveito das potencialidades que ten o neofalantismo.
Fíxoo en resposta a unha pregunta no Parlamento de Galicia na que concretou que se fará a través dun convenio coa Universidade de Santiago dotado con 80.000€ que recolle unha serie de actuacións ao longo de tres anos.
A estratexia a seguir, confirmou, pasa por “analizar o neofalantismo, un proceso no que as persoas que tiveron o castelán ou outro idioma como primeira lingua acaban incorporando o uso do galego”. Trátase, engadiu, dun proceso “relativamente emerxente con innegábeis posibilidades de futuro na dinamización da nosa lingua”, sobre todo entre a mocidade tanto da nosa comunidade como entre as persoas que veñen doutros territorios de fóra de Galicia e que se incorporan á nosa realidade cultural e sociolingüista.
O secretario xeral da Lingua precisou que a colaboración neste eido coa a Universidade de Santiago de Compostela comezou en 2021 a través do Grupo de Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación co recurso web www.neofalantes.gal, un portal de noticias que serve de nexo de unión da comunidade neofalante en galego.
Valentín García dixo que este espazo conta con varias seccións e que agora, con este novo convenio, daráselle continuidade incorporando novos usuarios e impulsando o uso da lingua galega entre a mocidade. “Deste xeito”, avanzou, “potenciarase unha activa presenza en redes sociais ao tempo que se pon en marcha unha nova ferramenta interactiva que sirva de canle de contacto entre distintos sectores e distintos países, especialmente no mundo lusófono”.
A colaboración tamén abrangue os obxectivo do Plan de dinamización da lingua galega na mocidade que ten en marcha o Goberno galego e co que se pretende mostrarlle á xente nova a utilidade de coñecer a nosa lingua e potenciar así o seu uso neste colectivo. “Deste xeito, impulsaranse medidas dirixidas a incrementar a súa presenza nos espazos nos que se move a mocidade, así como a oferta de actividades e produtos en galego en áreas como a tecnoloxía, o lecer, a cultura, o ensino ou o emprego”, sinalou, ao tempo que lembrou que este plan está concibido como un instrumento para a dinamización da lingua galega, no que se procura implicar a comunidade universitaria, o que supón a posta en marcha de medidas dinamizadoras dirixidas ao profesorado, ao alumnado, ao persoal de administración e servizos e á mocidade en xeral, co fin de conseguir normalizar a presenza da lingua galega na universidade e noutros ámbitos da mocidade.

PUBLICIDADE