Crean dende a UVigo unha plataforma que axuda á prevención de incendios forestais

venres, 31 de maio do 2024 S. P.

O grupo de investigación en Xeotecnoloxías Aplicadas (GeoTech), do CINTECX (UVigo), xunto con investigadores e investigadoras da Escola de Enxeñaría Forestal, traballaron ao longo dos últimos tres anos no proxecto 4Map4Health, liderado polo Instituto de Investigación Xeoespacial de Finlandia. Financiado con preto dun millón de euros na convocatoria europea CHIST-ERA, o punto de partida deste proxecto foi o deseño dun escáner láser multiespectral móbil destinado a obter datos sobre a saúde das árbores, a estrutura dos bosques e o risco de incendios forestais.
O devandito levou ao desenvolvemento de algoritmos para o tratamento da información obtida no monte con esta tecnoloxía, o que permitiu aos investigadores e investigadoras da UVigo deseñar “unha plataforma baseada nos sistemas de información xeográfica” que procesa os datos obtidos, podendo servir como “un sistema de axuda á toma de decisións na contorna forestal estudada”, respecto de cuestións como o risco de incendio forestal nunha determinada zona.
Coñecida como GIS-WEB, esta plataforma integra “capas de información xeorreferenciada, onde se recollen as variábeis máis importantes da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerés-Xurés”, onde levaron a cabo os traballos de recollida de datos.
Co catedrático Pedro Arias como investigador principal do proxecto na UVigo, 4Map4Health (Mapping of forest health, species and forest fire risks using Novel Data and Approaches) contou coa participación de investigadores e investigadoras das escolas de Enxeñaría de Minas e Enerxía e Enxeñaría Forestal.
Como sinalan, o “reto investigador deste proxecto” era procesar os datos de escaneado dos montes obtidos co “escáner láser multespectral de alta resolución” co propósito de realizar, en combinación con “outras fontes de datos”, un “mapeado” que abranguese “tres grandes vertentes” dos montes, a saúde das árbores, a súa estrutura e o risco de incendios.
A principal novidade que achega esta tecnoloxía fronte os escáneres láser multiespectrais aéreos, cun peso de máis de 100 quilos, é que se trata dun dispositivo móbil e lixeiro, que permite “modelar a contorna forestal cun detalle substancialmente maior”, explican.
O proxecto buscaba analizar a capacidade desta tecnoloxía para “predicir características que poñen en perigo a sustentabilidade do monte”, sendo un dos factores centrais a medición dos niveis de humidades das masas forestais. Como explican, a “resposta espectral” que proporciona a tecnoloxía LiDAR varía en función deses niveis, o que facía preciso “caracterizar esta resposta” co obxectivo de obter información “sobre o estado da vexetación que é susceptíbel de arder”.
A recollida de datos foi levada acabo en diferentes puntos de Finlandia, Chequia, Austria, España e Portugal. O equipo da UVigo realizou este labor no Xurés e logo traballou no desenvolvemento de algoritmos “para o tratamento dos datos capturados por estes sensores, de forma que se automatice a extracción da información relevante da contorna forestal e dos elementos que a compoñen”. Estes algoritmos permitiron á súa vez deseñar a plataforma GIS-WEB, que ademais da información referente ao proxecto, inclúe tamén “mapas con información dos incendios acaecidos” no Xurés, así como datos das parcelas nas que se realizou a mostraxe.
Deseño dun software de simulación
O traballo da UVigo en 4Map4Health deu lugar tamén á realización das teses de doutoramento de Fernando Rodríguez e Lino Comeñasa, que se defenderán nas próximas semanas. Tamén se levou a cabo un “estudo espacial” da influencia que teñen diferentes variábeis, “climáticas, sociais e ambientais”, no risco e impacto dos incendios no Xurés, e traballouse tamén no desenvolvemento de Roadsense, “un software de simulación LiDAR multiespectral para contornas forestais e redes de transporte próximas á vexetación”, que estará dispoñíbel practicamente.

PUBLICIDADE